Espectáculos en vivo, simuladores e relatorios na feira Galiexpo Motorshow 2025
Espectáculos en vivo, simuladores e relatorios na feira Galiexpo Motorshow 2025
O máis espectacular da xornada foi a exhibición drift indoor, derrapaxes de coches en interior
Nos cen postos instalados no Ifevi hai vehículos deportivos, clásicos, de Fórmula 1, motos e coches históricos e icónicos
Vigo celebra esta fin de semana a décimo sétima edición de Galiexpo Motorshow, a feira arredor do mundo do motor que xunta coleccionista, conferenciantes, expositores e exhibicións espectaculares e ruidosas.
Derrapaxes infinitas, ruxido de motores e fume de pneumáticos no evento da tarde do sábado que máis público congregou no IFEVI. Entre todos os pilotos deste Drift Indoor, o coñecido no mundiño como Lamín Yamal. Adrián Cabanillas ten só dezaseis anos.
"Isto vén do meu pai, que era piloto, e segue correndo sen competir, e pouco a pouco fun vendo o que iso era, e encántame, a verdade", conta a TVG Adrián Cabanillas, piloto de Drift con só dezaseis anos.
Paralelamente ás exhibicións, transcorre esta feira con 100 expositores que estará aberta ao público ata o domingo. Unhas 20.000 persoas visitaron a edición do 2024.
"O lado profesional, con relatorios como o de Emilio Duró, que é un gran motivador que estivo o venres aquí, no Ifevi, ata os espectáculos de drift indoor con coches derrapando xuntándoo con esas máis de cen empresas, tamén internacionais. Luz, cor e actividades", matiza Joaquín Portabales, un dos organizadores de Galiexpomotor.
A Fórmula 1 é, sen dúbida, a grande atracción da feira. Chema, o CEO de Recalvi, trouxo ata esta feira parte da súa colección privada. Desde un traxe de Senna, a un coche de Fórmula 1 de Schumacher. Mercou nunha poxa un dos coches de Fernando Alonso. Pagou un millón 7000.000 euros polo tesouro.
"Se vén agora aquí alguén e dáme 40 millóns dígolle que non, que nin de broma. Isto xa é un tema máis sentimental. Tamén é certo que eu son unha persoa afortunada que me defendo ben no día a día. Non obstante, isto que teño aquí para min non ten valor económico. Nunca xamais o venderei", explica Chema Rodríguez, o CEO do grupo Recalvi.
Coches e motos icónicos como a Fat Boy de Harley Davidson. Pero a novidade nesta edición son os simuladores que permiten aos afeccionados vivir a experiencia de pilotar como o faría un corredor profesional.