Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo acusa a Sánchez de usar Telefónica para extorsionar os medios e o presidente atácao por tapar a Mazón

Feijóo acusa a Sánchez de usar Telefónica para extorsionar os medios e o presidente atácao por tapar a Mazón

Sánchez asegurou que Feijóo chegou á Presidencia do PP para tapar a corrupción da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso

O Grupo Popular xa solicitou a comparecencia no Congreso do ministro López e do presidente de Telefónica para informar desa reunión co CEO de Vivendi o pasado mes de febreiro

EFE/ JUAN CARLOS HIDALGO
G24.gal 19/03/2025 08:19 Última actualización 19/03/2025 10:19

O líder do PP Alberto Núñez Feijóo acusou este mércores ao xefe do Executivo Pedro Sánchez de usar Telefónica para extorsionar os medios de comunicación, despois da reunión que en febreiro mantivo o ministro para a Transformación Dixital e Función Pública Óscar López co presidente de Vivendi, Arnaud de Puyfontaine, que ten participación en Prisa.

Na súa quenda, o presidente obviou este asunto e atacouno coa xestión do presidente da Generalitat valenciana Carlos Mazón tras a DINA. "Vostede, señor Feijóo, pretende tapar un erro cometendo un máis grave. Vostede elude o cesamento do señor Mazón abrazando a ultradereita", espetou o xefe do Executivo a Feijóo na sesión de control ao Goberno do Pleno do Congreso.

É máis, Sánchez asegurou que Feijóo chegou á Presidencia do PP para tapar a corrupción da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso e pretende manterse tapando a neglixencia do señor Mazón. "Lamentable", aseverou.

"Non xogue coa multinacional española"

Previamente, Feijóo acusou o Goberno de gastar 2.000 millóns de euros dos impostos de todos os españois en controlar Telefónica. "E parece ser que a usa para extorsionar os medios de comunicación. Agora, co contexto internacional máis complicado en décadas, leva semanas dedicado máis tempo á guerra de PRISA que á guerra de Ucraína", afirmou. Dito isto, o líder do PP solicitou a Sánchez que non lle faga tamén un dano irreparable á compañía Telefónica. "Non xogue cunha empresa cotizada. Non xogue cunha empresa estratéxica. Non xogue coa multinacional española", demandou no Pleno da Cámara.

 

O Grupo Popular xa solicitou a comparecencia no Congreso do ministro López e do presidente de Telefónica para informar desa reunión co CEO de Vivendi o pasado mes de febreiro.

Sánchez: "Comparecín en 34 ocasións"

Á parte de cargar contra Feijóo por non cesar a Mazón tras a DINA, Sánchez centrou parte do seu duelo parlamentario co líder do PP en falar sobre o gasto en defensa, presumindo de ser o presidente que máis veces deu contas ante o Parlamento.

"En seis anos e nove meses que levo á fronte do Goberno, comparecín en 34 ocasións. Eu son o presidente do Goberno que máis compareceu ante as Cortes Xerais da historia da democracia", proclamou, subliñando despois que Feijóo como presidente da Xunta de Galicia só o fixo dez veces no Parlamento galego.

Ademais, Sánchez asegurou que nos últimos sete anos o Goberno de España aumentou en 10.000 millóns de euros o orzamento en defensa e en 120.000 millóns o orzamento social. Ademais, dixo que subiu en 30.000 millóns de euros os recursos destinados á transición ecolóxica, acompañado todo iso por unha política fiscal responsable e redución do déficit público e a débeda pública. 

O xefe do Executivo lembrou que foi no 2014, co Goberno de Mariano Rajoy, cando se comprometeu por parte de España chegar ao 2 % do PIB en defensa e resaltou que cando el chegou a Moncloa o orzamento en defensa estaba no 0,9 % do PIB, a anos luz de chegar ao 2 %. "E iso é o que pasa co PP cando gobernan. Que vostedes prometen, pero logo incumpren. E grazas á política económica deste Goberno, hoxe España está en condicións de cumprir aquilo que vostedes comprometeron", espetou á bancada do Grupo Popular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade