Publicador de contidos

Publicador de contidos

As persoas con síndrome de Down seguen abrindo camiño cara á inclusión real

As persoas con síndrome de Down seguen abrindo camiño cara á inclusión real

A inclusión laboral é outro dos grandes retos das persoas con síndrome de Down, o autoemprego empeza a estar entre as súas opcións para combatila

Álvaro fai retratos de inspiración cubista
G24.gal 22/03/2025 13:30

Coa axuda das súas familias e dos programas de apoio á discapacidade, as persoas con síndrome de Down logran ser cada día máis autónomas.

Cada ano, coincidindo co seu día mundial, as entidades do movemento Down poñen de substitución estes avances e tamén fan ver o que queda por andar para chegar á verdadeira inclusión de toda as persoas que nacen con esta alteración xenética.

Este 2025 as campañas de sensibilización das entidades de apoio ás persoas con síndrome tiran da retranca para botar abaixo os estereotipos que dificultan a súa inclusión a todos os niveis.

Pero máis aló destas ficcións realistas, as organizacións Down aproveitan a celebración do seu día para visibilizar as persoas con síndrome de Down que día a día van abrindo portas cara á inclusión real.

Día a día as persoas con discapacidade van ampliando os espazos de verdadeira inclusión. Carla e Álvaro son artistas. Ela decantouse pola pintura abstracta e el prefire facer retratos de inspiración cubista. As súas familias apoian desde sempre a súa expresión artística como vía de inclusión.

" A nai de álvaro e eu temos esa inquedanza de mostrar un pouquiño o que fan tamen para que eles se sintan apoiados e recoñecidos", indica Flora Vieito, tía de Carla.

"Participaron nunha exposición na que ninguén sabía que tiñan o síndome de Down porque non ían co cartel que o dicía. Iso é o que máis me gustaría, que sempre fosen sen cartel", di Flora Vieito.

Borja tamén vai 'sen cartel'. O seu lema é ser un máis, coma todos. Para el a vía de expresión e socialización sen límites é o deporte de competición. Participa tanto en campionatos para persoas con discapacidade, coma nos estándar para reivindicar de facto a inclusión no deporte.

"Loita igual que o que vai gañar. Loita contra si mesmo e pasando a meta síntese realizado. Isto venlle de marabilla porque ten compañeiros que non só veñen a competir senon que van tomar un cafe e saen xuntos",explica o pai de Borja.

 

 

O autoemprego como alternativa laboral

O autoemprego empeza a estar entre as súas opcións para a inclusión laboral. A inclusión laboral é outro dos grandes retos das persoas con síndrome de Down. Carmela acaba de abrir unha nova porta nesa liña converténdose en emprendedora co seu propio negocio.

"Chámome Carmen, teño 23 anos e fago todo tipo de xoias, como pendentes, pulseras, coiares...", di Carmela.

Coa súa tenda recentemente inaugurada na Coruña, incorpora a vía do autoemprego como saída laboral no colectivo Down.

Onde se leva xa máis camiño andado é no emprego con apoio. Piden que máis empresas sómense aos programas de emprego con apoio.

As entidades do movemento Down teñen programas de inserción e acompañamento en empresas públicas e privadas, coma o que fixo posible que Sara leve xa dous anos traballando como auxiliar administrativa no departamento de Ciberseguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

"Teletraballo tres días na casa e os outro dous días veño á oficina e encántame o que fago, sobre todo estar cos compañeiros". afirma Sara.

"Ao principio eu a acompañaba todolos días para axudala a facer cada tarefa e como comunicarse ben cos compañeiros de traballo. Si que é certo que cada vez abrimos máis as portas e vemos que hai unha inclusión mais real", afirma Irene Boquete, preparadora laboral de Down Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade