Un pirateo ao concello de Ordes altera o Facebook municipal con vídeos de humor
Un pirateo ao concello de Ordes altera o Facebook municipal con vídeos de humor
O Concello alertou os usuarios e xa puxo en funcionamento unha nova páxina: '@concellodeordesoficial'
O ataque non lle afectou á rede informática do concello, que segue funcionando con normalidade
É abrir a páxina do Concello de Ordes e sorpresa entre os usuarios. "Ah, non, non! Hai unha serie de vídeos que non coinciden moito co que sempre mandan. A verdade que non. Non me fixara pero non, non... parece que o piratearon".
Pirateo ao concello de Ordes que se puido frear a tempo e que finalmente só lle afectou ao Facebook. No lugar de aparecer avisos de eventos, cursos ou festas, agora hai vídeos familiares e de humor.
"Hai vídeos dun home saltando... cousas que non coincidían co concello. Que non é o habitual".
Foi o propio concello quen alertou aos seus 12.000 usuarios da páxina, polas outras canles de difusión, segundo nos conta a veciñanza.
"Sóubeno pola canle de WhatsApp, que puxeron que houbera un pirateo do Facebook, pero utilizo o WhatsApp".
"Recibín unha notificación do Concello de que houbera un ciberataque á páxina do concello e entón xa non entrei. Deume medo".
"En Instagram poñían que anularamos a subscrición ata que creasen unha páxina nova. Que deixaramos de seguilo, de ser amigos do Concello por un tempo".
A nova páxina xa está funcionando. É '@concellodeordesoficial'. Desta vez o ciberdelito quedou en anécdota. Noutros concellos como Teo ou Cangas, os ciberdelicuentes inutilizaran os servidores e mesmo roubaron os datos. Por certo, que o líder do grupo do ataque de Cangas acaba de ser detido en Baraxas.