Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferrol e Viveiro ultiman os preparativos para a Semana Santa

Ferrol e Viveiro ultiman os preparativos para a Semana Santa

Na Confraría da Mercé de Ferrol son máis de catrocentos confrades e este ano bateron marcas con máis de sesenta novas incorporacións

Primeiros días da Semana Santa en Ferrol
G24.gal 12/04/2025 13:30 Última actualización 12/04/2025 00:01

O mordomo indícalles os movementos aos portadores da imaxe de Cristo Rei en Ferrol. Desde hai máis de dez anos, a imaxe é trasladada desde o colexio Cristo Rey ata a Confraría dos Dolores, desde onde sae en procesión cada Luns Santo coa Virxe da Amargura.

O traslado fano nenos e meniñas do colexio, estudantes, acompañados por voluntarios do Terzo do Cristo Rei, como Julia, que é exalumna e  colabora nos actos.

'Monaguillos' é como lles chaman aos terzos ata que fan a comuñón, a partir dos nove ou dez anos son aspirantes. A uns pasos deste punto, a praza de Amboage de Ferrol, está o local da Confraría da Mercé. Javier leva dezaseis anos sendo membro dela.

Hoxe tócalle recortar a oliveira que sairá en procesión. Tamén encárgase, entre outras moitas cousas, de axustar o tamaño dos capuces que sairán en procesión.

É capital que os ollos queden á vista. Hai que cortar, montar e desmontar a estrutura plástica. De momento leva máis de medio cento.

"Os ollos están mal colocados. Hai que subilos un pouco máis para que queden mellor colocados. Xa vai collendo forma pero falta un pouco máis", di Javier González, da Confraría da Mercé en Ferrol.

Na Confraría da Mercé de Ferrol son máis de catrocentos confrades. Este ano, ademais, bateron marcas con máis de sesenta novas incorporacións.

"Ter tanta xente para nós foi abafador. Non nos chegaban os cordóns, os cintos, a verdade foi un pouco estresante pero agora xa está todo encamiñado", explica Javier González.

Encamiñado tamén vai o traballo para a Semana Santa en Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional. Hai moito que perfilar detrás dos pasos para que todo estea a punto nos días sinalados.

"Desde pasar o ferro a tantísimos hábitos. Só na procesión da Esperanza xa van máis de trescentos hábitos de confrades. En cada unha das procesións temos os seus traxes. Logo está a preparación dos achós, a preparación das andas, o que son as gualdrapas dos tambores. Preparar todo o que é o artificio de cada achón co seu correspondente farol. Un longo etcétera de traballos", di Carmen Chipe, voceira da Xunta de confrarías de Viveiro.

Traballo tamén nas candeas. Cada localidade, cada confraría, pide unhas determinadas, cada paso leva uns cirios e non outros. Non é sinxelo ás veces conseguir o material que se precisa.

Hai unha fábrica artesá de cirios en Santiago, probablemente, das últimas que quedan en España. Parte das candeas da Semana Santa de Viveiro, por exemplo, entre outras moitas localidades, saen de aquí.

Todo listo, todo a punto, como cada ano, na Semana Santa, onde hai moitas mans, na maior parte dos casos voluntarios, colaborando e participando nos detalles para que todo luza nos días destacados das celebracións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar