As florerías están xa preparadas para a Semana Santa
Xa están á venda as palmas de Elxe e durante a semana tamén poñerán oliveira
O prezo varía en función do tamaño e do traballo artesanal que leven
Xa están nas florerías as palmas para o Domingo de Ramos. Xunto coas pólas de oliveira e de loureiro, serán as que acompañen as procesións do próximo domingo e marquen o inicio da Semana Santa.
Cestos cheos de palmas, chegadas desde Elxe, feitas á man e empaquetadas ata o próximo domingo para que non se deterioren.
"Temos varios tamaños, para bebés e máis grandes. Tamén se poden escoller lisas ou decoradas, en función dos gustos dos pais, avós ou padriños dos nenos que as van levar. A palma é feita artesanalmente, traballada á man. Por iso ás veces a xente di que son caras, pero hai que ver o traballo que teñen detrás", relata Carina Rarís, floreira.
Os prezos mantéñense nun rango de 4,50 euros as máis económicas ata uns 12 as grandes.
As primeiras en venderse foron as de clientes fixos que as encargan para mandarlles a familiares emigrados. As floreiras admiten que a tradición vai decaendo.
"É certo que se comparas con anos atrás a venda baixou porque a mentalidade da xente foi cambiando", di Rarís.
O venres e o sábado serán, coma noutros anos, son os días de máis venda.