O Parlamento reclama por unanimidade ao Goberno concreción sobre o Corredor Atlántico
O deputado do PPdeG Gonzalo Trenor considerou que o documento presentado o pasado mes de xaneiro "é un Power Point e non un plan director" propiamente dito
Tanto o PSdeG como o BNG viron detrás desta iniciativa do grupo maioritario un novo exercicio de "vitimismo" fronte ao Goberno central

O pleno do Parlamento aprobou por uanimidade unha iniciativa do PPdeG para reclamar ao Goberno que presente de inmediato un plan director do Corredor Atlántico ferroviario, detallando as cifras de investimento e os prazos para a execución das obras e a súa finalización.
O deputado do PPdeG Gonzalo Trenor considerou que o documento presentado o pasado mes de xaneiro, cando se constituíu o grupo de traballo por parte do Ministerio de Transportes sobre o Corredor Atlántico "é un Power Point e non un plan director" propiamente dito.
Na proposición non de lei aprobada tamén se pide aclarar a composición e funcionamento dese grupo de traballo, así como a data da súa activación e, de ser o caso, garantir a participación da Xunta de Galicia no mesmo.
Tenor recriminou, ademais, que a Xunta leva "oito meses" esperando a que Renfe designe un interlocutor para abordar as incidencias ferroviarias que se producen na comunidade, polo que a iniciativa pide nomear "con carácter urxente" este representante do ente ferroviario.
No texto inclúese a reclamación de "acelerar os traballos da saída sur de Vigo para garantir a súa finalización nun prazo razoable, garantindo así a conexión efectiva de Galicia co resto do Corredor Atlántico e con Portugal".
Tanto o PSdeG como o BNG viron detrás desta iniciativa do grupo maioritario un novo exercicio de "vitimismo" fronte ao Goberno central, polo que o deputado socialista Carlos López Font recriminou "canta urxencia para reclamar aos demais e canta lentitude" para pedir contas á Xunta.
Fronte aos "malos tratos" a Galicia que denunciou Trenor por parte do Goberno de Pedro Sánchez, López Font dixo que habería que falar do dos Gobernos anteriores de Aznar ou Rajoy, ambos do PP.
Ademais, asegurou que "os deberes" do Executivo central con Galicia "están feitos" e xa existe un plan director do Corredor Atlántico que se presentou cando se constituíu o grupo de traballo para axilizar os investimentos nesta infraestrutura, un total de 4.561 millóns de euros ata 2030.
O deputado do BNG Paulo Ríos tamén lembrou que en 2013 os populares votaron na UE a favor dun proxecto para este Corredor no que "non aparecía para nada Galicia", polo que dixo que é o PP o partido "do non" ás infraestruturas para a comunidade, e o Bloque é o do "si" a estes investimentos.
Retirada a expresión "narcisista patolóxico"
O deputado Gonzalo Trenor empezou a súa intervención denunciado o que considera os "malos tratos patentes" do Goberno central a Galicia, e cualificando o presidente Pedro Sánchez de "narcisista patolóxico".
Unha expresión que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o instou a retirar porque se trata dun "trastorno psicolóxico" que considera que non esta ben utilizar dese xeito no debate, algo que Trenor aceptou.
Despois dunha tensa sesión plenaria, na que a Presidencia chamou á orde dúas veces deputados de BNG e PSdeG mentres se debatían as iniciativas da oposición, que foron todas rexeitadas na votación, incluso Santalices celebrou que "imos cambiar de aires", cando se iniciou a votación desta proposición non de lei do grupo maioritario.
"Mira que éxito: rotundo", proclamou oufano, despois de que constatar os 69 votos a favor, co que a iniciativa do PPdeG quedou aprobada por unanimidade.