Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump aplicará desde este mércores os aranceis do 104 % á China polas represalias de Pequín

Trump aplicará desde este mércores os aranceis do 104 % á China polas represalias de Pequín

Trump xa anunciara a súa intención de impoñerlle estes aranceis se o país asiático non retiraba os seus aranceis do 34 % a produtos norteamericanos

A Casa Branca afirma que uns 70 países pediron negociar os aranceis

Wall Street pecha en vermello despois de que Trump elevase ao 104 % os aranceis á China

REUTERS/Tingshu Wang REUTERS/Tingshu Wang
G24.gal 08/04/2025 19:08 Última actualización 08/04/2025 20:08

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou un incremento dos aranceis ás importacións procedentes da China ata acadar un 104 %, como resposta ás últimas represalias comerciais adoptadas por Pequín.

A  medida entrará en vigor un minuto despois da medianoite.

O mandatario republicano advertira esta semana que, se China non retiraba os seus aranceis recíprocos do 34 % antes do mediodía deste martes, hora da costa Leste, Washington aplicaría un novo tramo de gravames do 50 %, que se sumaría aos anteriores, elevando a carga total ata o 104 % para os produtos chineses exportados aos Estados Unidos.

A China responde con contramedidas

A decisión da Casa Branca chega despois de que o Goberno chinés aplicara o pasado venres unha nova batería de medidas en resposta ás tarifas anunciadas por Trump a semana anterior, que xa supoñían un aumento dos aranceis ata polo menos o 54 %.

Entre as reaccións chinesas inclúense gravames do 34 % ás importacións de produtos estadounidenses, sancións a empresas concretas, restricións á exportación de terras raras, suspensión da compra de carne de polo e sorgo a determinadas compañías dos Estados Unidos, e a apertura de investigacións antimonopolio e antidumping contra empresas e bens norteamericanos.

Condenas e tensión diplomática

O Goberno chinés expresou este martes a súa “firme condena” a estas novas medidas, ás que cualificou de “chantaxe”, e presentou unha denuncia formal ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) a través do mecanismo de resolución de disputas, alegando que os aranceis aplicados por Washington violan os compromisos multilaterais.

Pola súa banda, o presidente Trump asegurou que Pequín “desesperadamente” quere chegar a un acordo, aínda que -dixo- “non saben por onde comezar”. Indicou tamén que a Casa Branca está á espera dunha chamada do presidente chinés, Xi Jinping, para retomar as negociacións.

Wall Street pecha en vermello despois de que Trump elevase ao 104 % os aranceis a China

Wall Street volveu pechar con perdas, tras varias horas nas que estivo cos seus indicadores en verde.

Ao termo da sesión no parqué neoiorquino, o Dow Jones de Industriais, principal indicador da bolsa, caía un 0,84 %, ata as 37.645 unidades; o selectivo S&P 500 retrocedía un 1,57 %, ata os 4.982 puntos, e o tecnolóxico Nasdaq era o máis prexudicado, baixando un 2,15 %, ata os 15.267 enteiros.

Wall Street empezara a xornada en verde, animada por posibles acordos entre socios de EUA e Trump, xa que segundo a Casa Branca case 70 países contactaron co mandatario para negociar a retirada dos gravames.

70 países pediron xa negociar

 A Casa Branca afirmou este martes que case 70 países puxéronse en contacto coa Administración de Donald Trump para negociar a retirada dos aranceis que empezaron a impoñerse a semana pasada.

"Os países están a esforzarse por reformar as súas prácticas comerciais desleais e abrir os seus mercados ao noso país. Por que? Porque respectan profundamente ao presidente Trump e o poder do mercado estadounidense", dixo nunha conferencia de prensa a portavoz gobernamental, Karoline Leavitt.

Eses países, na súa opinión, déronse de conta "de que se enriqueceron enormemente nas últimas décadas impoñendo aranceis substanciais aos produtos estadounidenses e barreiras non monetarias absurdas para bloquear a industria estadounidense".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade