Publicador de contidos

Publicador de contidos

Semana Santa, a mellor época para as cererías

Semana Santa, a mellor época para as cererías

 É o momento de maior produción cos encargos de parroquias e confrarías  

Mariana González mostra o traballo decorativo dun cirio pascual na súa tenda de Santiago
G24.gal 08/04/2025 21:36 Última actualización 08/04/2025 21:47

Cirios e candeas de fabricación galega viaxan o mes previo á Semana Santa a toda España e mesmo ao estranxeiro. É o momento álxido da produción anual nas cererías.

En Santiago traballan a eito a terceira e cuarta xeración da que é probablemente a única cerería de España con fábrica propia, en opinión de Mariana González, familia da Cerería 5 Calles de Santiago.

"Eu atreveríame a dicir que somos os únicos de toda España que facemos toda a produción da candea".

125 cirios van saír do obradoiro da cerería para alumear o paso da Virxe da Piedade de Viveiro, outros 75 son para a Confraría do Cristo da Misericordia e dez mil candeas para Francia. Tamén a Valladolid, Asturias e Astorga.

Conta Mariana que comezan traballar xa antes de Nadal para Semana Santa, pero que, aínda con previsións chegan estes días e satúraste porque sempre van aparecendo encargos de última hora.

E todo comeza cun fío ao que se lle van engadindo capas de cera con moita paciencia. Dependendo do grosor, un cirio pascual pode levar unha semana de traballo pendurado no noque. Levan feitos non menos de 500 desde primeiros de ano.

Mariana dá os últimos retoques aos encargos de confrarías e parroquias xa na tenda. Un traballo de decoracion 100 % artesán que require de determinadas pautas como nos explica.

"Unha cruz, fundamental, o alfa e o omega e o ano. Por exemplo, un cirio de dez centímetros de grosor por un metro de alto, decorado, poderiamos falar de 95, cen euros".

Son a terceira xeración da empresa familiar fundada en 1940. E xa teñen remuda xeracional. A calidade do traballo artesán, din, non ten competencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade