Villares reclama en Bruxelas unha maior protección do mercado europeo da pesca
Alfonso Villares participou en Bruxelas na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas
Pide que rexan os principios do coñecido como level playing field respecto a países como Tailandia con normativas medioambientais e laborais máis laxas que as europeas
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou esta tarde en Bruxelas na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas. No encontro estivo presente o comisario responsable de Pesca.
Alfonso Villares participou nese encontro celebrado este martes na capital comunitaria. O responsable do Mar insistiu na necesaria "descentralización da xestión" como unha prioridade para Galicia e para o resto de rexións pesqueiras.
Tamén reclaman, dende Galicia, maior protección do mercado interior europeo para dotalo de soberanía alimentaria, no que rexan os principios do coñecido como level playing field respecto a países como Tailandia, países que teñen normativas medioambientais e laborais máis laxas que as europeas.
O conselleiro do Mar participou nesta cita na súa condición de presidente do grupo de traballo dentro dunha organización que representa a máis de 150 rexións de 24 estados diferentes.