O Goberno inviste preto de 11 millóns para rehabilitar a N-540 na provincia de Lugo
Isabel Rodríguez avanza que o Ministerio de Transportes afrontará a remodelación do firme tras a Semana Santa
Esta obra inclúe a rehabilitación estrutural e superficial do firme e aquelas actividades complementarias que sexan necesarias para manter os niveis de servizo

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou este luns que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible afrontará a rehabilitación do firme da N-540 ao paso por Lugo tras a Semana Santa. A partir destas datas festivas, a actuación entrará nunha nova fase na que se impulsará a renovación de todo o firme, tal e como está indicado no contrato, para mellorar a seguridade viaria neste tramo.
O Goberno inviste preto de 11 millóns de euros na renovación integral do viario entre os quilómetros 0,000 e 68,900, na provincia de Lugo. Esta obra inclúe a rehabilitación estrutural e superficial do firme e aquelas actividades complementarias que sexan necesarias para manter os niveis de servizo.
No que respecta ao firme, a obra consistirá principalmente nun fresado de parte do firme existente, seguido dun recrecido en varias capas entre as que se dispoñerán elementos adicionais de adherencia.
Nas zonas singulares, que son as máis deterioradas, realizarase primeiramente unha demolición do paquete de firmes completo, seguida dunha escavación dun metro de profundidade para, finalmente, repoñer as capas de firme. Así mesmo, será necesaria a regularización das beiravías, especialmente para garantir a seguridade dos ciclistas e motoristas. Tras isto, procederase a repintar as marcas viarias e á disposición dos elementos de balizamento.
A obra inclúe a reposición doutros elementos adicionais, como as estacións de aforo e as xuntas de dilatación das pontes existentes no tramo.