Derrúbase parte do falso teito da terceira planta do hospital maternoinfantil de Ourense
Consellería de Sanidade di que se trata dun "pequeno derrubamento" nunha zona de paso motivado polo conduto do aire acondicionado
O derrubamento non provocou danos persoais
Noa Presas, deputada por Ourense, di que o BNG "vai esixir" a comparecencia do conselleiro de Sanidade

Unha parte do falso teito do hospital maternoinfantil de Ourense esborrallouse este sábado na terceira planta do edificio. O derrubamento non provocou danos persoais pero si materiais.
Fontes da Consellería de Sanidade din que se trata dun "pequeno derrubamento" do falso teito nunha zona de paso do maternoinfantil motivado, ao parecer, polo conduto do aire acondicionado.
Explicaron tamén que esta derruba non afectou á zona de hospitalización e fixeron fincapé en que se procedeu de maneira inmediata á limpeza da zona.
O ano pasado sucedeu algo similar noutra zona do maternoinfantil. Daquela os danos tamén foran só materiais. Foi a finais de 2023, cando se rexistrou a caída de parte do teito da sala de partos, na primeira planta do edificio.
O BNG vai pedir a comparecencia do Conselleiro de Sanidade
A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, avanzou este domingo que o BNG "vai esixir" a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento Galego para dar explicacións sobre este novo derrubamento que cualificou de "gravísimo" e "que puido ocasionar danos persoais irreparables."
O BNG lembrou nunha nota de prensa que a "deterioración" do edificio do hospital maternoinfantil do complexo hospitalario universitario de Ourense "é un dos principais problemas" no ámbito das infraestruturas da sanidade ourensá.
Presas denunciou que durante os últimos anos houbo diferentes incidentes que se comunicaron á inspección ou mesmo foron denunciados publicamente, como caída dun teito na sala de partos a finais de 2023.