O grupo Sea Eight duplica a produción en Cambados para vender linguado nos Estados Unidos
A empresa inicia as obras para poder criar mil toneladas de peixe ao ano
A compañía di que no mercado norteamericano o linguado se vende "como churros"
Non todo o peixe está vendido, nin moito menos. Malia os atrancos ao comercio da administración Trump, os Estados Unidos é unha das zonas que xera máis expectativas para un sector fundamental na economía galega, a acuicultura. En Cambados, o grupo Sea Eight inicia precisamente agora as obras para duplicar a súa produción de linguado e así poder abastecer un mercado aínda moi pouco explotado. A empresa ampliará instalacións para producir aquí ata mil toneladas ao ano.
"A parte da demanda é case inesgotable, nos Estados Unidos apenas tocamos a costa leste e o linguado estase vendendo como churros", asegura o director xeral de Sea Eight, Jaime León.
A empresa acaba de abrir unha granxa en Xixón. Agora busca lugares para establecer novas instalacións en Galicia.
"A intención é ter dous focos de produción principais. En Asturias temos unha capacidade produtiva de ata catro mil toneladas. Queremos chegar a algo semellante en Galicia e estamos traballando para buscar sitios para desenvolver esa actividade".
A pregunta é se nese proxecto de expansión pode axudar que as competencias sobre o litoral pasen a ser xestionadas pola Xunta. Foi unha cuestión para o conselleiro do Mar na súa visita á planta de acuicultura de Cambados.
"Que se poida ver a idiosincrasia de cada territorio, as empresas que temos... Sempre se miran os proxectos que se poidan presentar con máis mimo, evidentemente respectando a normativa medioambiental e a normativa de costas", aclara Alfonso Villares.
O plan de Sea Eight é que as obras en Cambados estean completas a finais de 2026.