Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CETGA investiga a posible cría de salmonete de rocha en piscifactoría

O CETGA investiga a posible cría de salmonete de rocha en piscifactoría

O proxecto SALROC do Clúster de Acuicultura é pioneiro no mundo

Os primeiros salmonetes de rocha capturados no mar e criados agora no CETGA de Aguiño
G24.gal 22/10/2024 20:50

A primeira fase do proxecto SALROC, que desenvolve o Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura de Galicia, está a ser polo de agora un éxito. En xullo comezaron a capturar exemplares de salmonete de rocha na boca da ría de Arousa e 32 deles están a adaptarse aos mesmos tanques empregados para o linguado e o rodaballo.

A mortaldade foi baixa ao capturalos con artes de pesca como o boliche, que, explica María Vázquez, investigadora no proxecto, son propias da zona e non danan o peixe, que chega sen feridas.

Estes son os primeiros que van demostrar se é posible crialos en granxas de acuicultura. Un proxecto pioneiro no mundo que se intentara hai 20 anos e se retoma grazas aos avances tecnolóxicos, cun prazo de tres anos e un presuposto de máis de 150.000 euros que achega a Consellería do Mar. O seu titular Alfonso Villares destaca os avances da investigación, que fan de Galicia líder en produción mundial de rodaballo e linguado de acuicultura.

Para que o proxecto SALROC sexa un éxito transferible ao terreo empresarial, fai falla pechar con éxito no CETGA un ciclo biolóxico de reprodución en catividade. Nun ano agardan conseguir as primeiras larvas, das que sairán crías que se cebarán ata alcanzar os 15 centímetros, o talle mínimo para pescalos e comercializalos. De ser así, o seguinte paso será o consumo. Para iso haberá que agardar como mínimo cinco anos, segundo a investigadora María Vázquez.

Dis que o salmonete de rocha sabe como a marisco e non é barato. Escolleuse esta especie xustamente polo seu valor culinario e económico no mercado, no que é un peixe moi apreciado.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar