Aumenta o consumo de produtos reacondicionados
Aumenta o consumo de produtos reacondicionados
Un de cada cinco españois mercou algún aparello deste tipo no último ano
O prezo é o principal atractivo para os consumidores
Cada vez máis persoas buscan mercar produtos reacondicionados. Na maioría dos casos son aparatos tecnolóxicos ou electrodomésticos que poden ser novos, con problemas de embalaxe, ou produtos de segunda man que foron reparados ou aos que lles cambiaron algunha peza. O máis atractivo: o prezo, moi por baixo do que custan novos.
Un de cada cinco españois mercou algún aparato deste tipo no último ano. Moitas tendas xa os venden, unha tendencia á que tamén se apuntan os establecementos de segunda man.
Esteban Rodríguez é o encargado de tenda de LocoToo en Vigo e explica que estes aparellos "teñen moita demanda entre os nosos clientes porque teñen un prezo máis baixo que os novos e unha garantía de tres anos".
Unha idea que comparte Iván Pereira, encargado de tenda de Todo Consolas, que destaca que "o produto ata que morre pode usarse e se ten un fallo e se pode arranxar pode ter unha vida útil dun montón de anos e cun aforro considerable. Os produtos novos cada vez son máis caros e un produto a metade de prezo e cunha vida útil garantida é unha oportunidade perfecta"
Para os consumidores, o prezo é un dos principais atractivos dos aparatos reacondicionados. Segundo o estudo dun portal de compravenda en liña, en cinco anos, nove de cada dez españois comprarán tantos produtos reacondicionados coma novos.