Veciños de Chantada cortan a N-540 en protesta polo pésimo estado da vía
Anuncian que continuarán coas mobilizacións os venres deste mes
Afirman que as profundas fochancas constitúen un grave risco para a seguridade viaria
Protestas polo pésimo estado da estrada nacional 540 entre Lugo e Ourense. Esta mañá protagonizaron un corte de tráfico á entrada de Chantada para facer unha chamada de atención sobre o perigo que representa circular nestas condicións.
Aseguran que a súa indignación medra igual que medran as fochancas que cobren o firme da estrada N-540. Esta é a principal vía de comunicación entre Lugo e Ourense e os que a usan a diario alertan da súa perigosidade. A estrada está chea de fochancas e fendas, os veciños tamén se queixan da escasa sinalización e iluminación da vía.
Levan anos denunciando o estado deplorable da principal vía de comunicación entre Lugo e Ourense. "Levamos así dende o ano 2017. Ou sexa, oito anos nestas condicións". "Sinceramente dá pena. Semella que somo tercermundistas". "É un problema recorrente, o que temos que sufrir todos os días. Imos seguir protesando ata que o amañen, porque isto é vergoñento. Unha estrada que une dúas cidades e que semella unha pista forestal".
O ministerio adxudicou o ano pasado as obras de renovación integral cun orzamento de 11 millóns de euros, pero cun período de execución de máis de tres anos. As obras van por cachos. Esta semana dous quilómetros en Taboada. E o resto parche sobre parche nas fochancas máis profundas.
"Son arranxos pequenos que non valen para nada. Non solucionan o problema". "Eu ando na ruta e xa estamos cansos de andar esquivando fochas e mirando que o de en fronte non che invada o carril".
Conducir por moitos treitos semella un circuíto de obstáculos." Meu marido vai conducindo e eu voulle dicindo á esquerda, agora á dereita. Os días de néboa directamente xa non se ven as fochancas. Vas cunha tensión que non é normal".
Un descoido supón pasar polo taller. Rodas e cristais rotos están á orde do día. "A nivel empresarial nos está repercutindo porque hai atrasos, mercancía que chega rota e tamén a reparación dos vehículos".
A indignación vai en aumento e por iso decidiron retomar as protestas. Este venres cortaron o tráfico á entrada de Chantada. Unhas mobilizacións que van repetir os días 11 e 25 deste mes.