Detidos en Santiago e Vigo membros dunha rede criminal de difusión de imaxes íntimas de mulleres
As investigacións concluíron que o líder da trama obtiña material privado das vítimas mediante o acceso aos seus perfís aloxados nunha coñecida plataforma de contido pornográfico

A Policía Nacional desarticula unha trama criminal dedicada a difundir imaxes íntimas de máis dun centenar mulleres sen o seu consentimento a través de canles de mensaxería de pago, nunha operación na que foron detidas once persoas.
Os arrestos, incluídos o do líder da organización practicáronse en Valencia, Zaragoza, Vigo, Santiago de Compostela, Hospitalet de Llobregat e Avilés. Todos, ademais doutros tres investigados, están acusados dos delitos de descubrimento e revelación de segredos e branqueo de capitais.
A investigación iniciouse tras ter coñecemento a través do correo redesabiertas@policia.es, da difusión de material audiovisual de carácter íntimo de varias mulleres, sen o seu consentimento, a través de canles de mensaxería instantánea previo pago.
As investigacións dos axentes permitiron detectar que, o líder da trama, obtiña material privado das vítimas mediante o acceso aos seus perfís aloxados nunha coñecida plataforma de contido pornográfico.
Unha vez que posuía o material audiovisual distribuíao sen coñecemento nin consentimento das vítimas a través de canles de mensaxería instantánea que creou para a súa difusión e para cuxo acceso se esixía pagar.
Durante a investigación, que permitiu identificar ata o momento a 26 vítimas, levou a cabo un rexistro no domicilio do responsable da trama no que se interveu un computador e tres terminais móbiles, podendo localizar e descargar 568 cartafois que contiñan case 120.000 arquivos.
Ademais, localizouse unha rede de colaboradores que intercambiaban material co principal arrestado e unha rede de mulas que lle daban soporte financeiro. Esta rede de mulas recibía en contas bancarias propias o diñeiro procedente do delito para despois facerllo chegar ao líder da estrutura criminal.