Séguense poñendo pendentes aos bebés?
Cada vez son máis os pais que prefiren agardar para que sexan os fillos os que tomen a decisión
Perforar as orellas non ten risco para a saúde do bebé se se cumpren coas medidas hixiénicas
A decisión debe ser consensuada entre os pais, senón será un xuíz quen decida
"Hai moita xente que di, ai!, que senón non se recoñece que é unha nena ou un neno se non lle pos os pendentes. Non hai que recoñecer se é neno ou nena, é a miña criatura é listo. Eu non llos poñería, paréceme unha cousa estética pois se lle gusta a ela ou a el pois que os poña cando queira", comenta unha rapaza.
Esta decisión fai dubidar a cada vez máis pais, cando ata non hai moito, nin se pensaba.
"A verdade é que o pensamos, pero de forma egoísta pola miña parte, sobre todo, decidín facerllos, porque a min encántanme, a verdade", apunta unha nai.
Dende que deixaron de facerse nos hospitais, son as farmacias que así o deciden as que tomaron a remuda. Aquí é onde mellor se observa este cambio de tendencia.
"Cada vez veñen nenos así, incluso para a comuñón e que xa eles o piden", conta María José García, titular de farmacia.

Mantendo as medidas hixiénicas, a perforación das orellas non ten ningunha contraindicación, nin supón ningún risco para a saúde do bebé. Adoita facerse cun alfinete ou cunha pistola e sempre se deben utilizar pendentes de ouro ou de aceiro cirúrxico para evitar infeccións.
"Pódense facer en canto nacen a non ser que o bebé non teña ben desenvolto o lóbulo ou que estea algún lóbulo máis grande que o outro, entón se lles di que esperen un mes ata que se lle igualen", continúa a farmacéutica.
Poñer pendentes nada máis nacer é unha práctica moi estendida socialmente pero é importante que haxa consenso entre os pais e non sempre o hai.
"Esas decisións teñen que nacer do consenso e no caso que ese consenso non se acade ten que ser un xuíz a través dun procedemento de xurisdición voluntaria, quen determine entre esas dúas posturas contrarias entre os proxenitores", explica a avogada especialista en dereito de familia, María Sierra.
E eses casos danse moito máis do que poidamos imaxinar.