Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez arroupa a Besteiro para "liderar o cambio en Galicia"

Sánchez arroupa a Besteiro para "liderar o cambio en Galicia"

José Ramón Gómez Besteiro asegura que o PSdeG é "a única esquerda que pode gobernar"

Sánchez dilles aos presidentes do PP que para financiar servizos deben aceptar a condonación

Lara Méndez asume a Secretaría de Organización nunha executiva con catorce caras novas 

Besteiro e Sánchez na clausura do XV Congreso do PSdeG. EFE/Lavandeira Jr
G24.gal 09/03/2025 12:33 Última actualización 09/03/2025 18:45

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, arroupou a José Ramón Gómez Besteiro na clausura do XV Congreso do PSdeG, celebrado esta fin de semana en Santiago.

O político galego revalidou o seu liderado para facer fronte a unha nova etapa na que Lara Méndez será a número dous ao converterse na secretaria de Organización. 

Nesta derradeira xornada do conclave, coñeceuse a nova executiva paritaria que conta con catorce caras novas e medra ata os 43 integrantes. Carmela Silva continúa como presidenta.

Lara Méndez, a nova secretaria de Organización, con Besteiro e Sánchez Lara Méndez, a nova secretaria de Organización, con Besteiro e Sánchez

Críticas á oposición

Durante a súa intervención, Pedro Sánchez acusou o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de non ser capaz de liderar a oposición en España "porque non sabe".

"O señor Feijóo non só non é presidente do Goberno porque non quere, tampouco é o xefe da oposición porque non sabe", espetou Sánchez.

Lamentou a situación actual da política estatal na que a oposición ao Goberno déixase ver "sen ideas, sen dirección e sen escrúpulos". O xefe do executivo criticou tamén o papel que o PP está a xogar porque parece que "non hai ninguén ao volante" xa que "dan volantazos" sen un rumbo fixo.

"Na oposición uns días din si e uns días din non", censurou.

Sánchez contrapuxo esa política dunha de cal e outra de area coa acción do seu equipo, que coas medidas implementadas desde o Consello de Ministros conseguiu, dixo, que España cree riqueza e emprego.

Receso por mor dunha indisposición

Sánchez tivo que facer un receso no seu discurso debido á indisposición dunha muller na sala. Do mesmo xeito que lle ocorría nunha convención política do partido na Coruña, onde Sánchez tamén deixou de falar por un ataque epiléptico vivido na sala.

En Santiago, ao decatarse da situación, fixo o propio e pediu que fose un médico, se é que entre os presentes había algún. Ao comprobar que si había facultativos e enfermeiras, quedou á espera do que ocorría.

Transcorridos uns minutos, desexoulle unha "pronta recuperación" á muller, da que dixo que se chama Olalla, que saíu en padiola.

Un momento do conclave. EFE/Lavandeira Jr Un momento do conclave. EFE/Lavandeira Jr

Financiamento autonómico

Tamén se dirixiu aos presidentes autonómicos do PP e díxolles que para seguir financiando os servizos públicos das súas comunidades "terán que aceptar a condonación da débeda".

Sánchez referiuse ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e aos seus homólogos noutros territorios porque non é de recibo que digan que non á condonación de miles de millóns de euros que lles ofrece o Goberno central e logo se queixen de estar "infrafinanciados".

Illamento da ultradereita

Respecto ás críticas de Alberto Núñez Feijóo sobre a exclusión de Vox da súa rolda de contactos con grupos parlamentarios sobre Ucraína, asegurou que "canto máis illada estea a ultradereita máis segura estará Europa".

"A nós preocúpanos a seguridade de Europa, non a soidade da ultradereita".

Nete sentido, cominou a Feijóo a mirar "a Alemaña e a outros países onde hai un centro dereita que non se tutela pola ultradereita, senón que se independiza e se distancia" dela.

"Unha cousa e a outra van da man", afirmou.

Sánchez durante o seu discurso. EFE/Lavandeira Jr Sánchez durante o seu discurso. EFE/Lavandeira Jr

Nova etapa

Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro sinalou que os socialistas son "a única esquerda que pode" ser alternativa. "Fixástesvos que ben entrei pola esquerda?", foi a brincadeira coa que o secretario xeral comezou o seu discurso na xornada de clausura do XV Congreso do PSdeG.

"Preparados e preparadas para gobernar porque somos capaces de liderar ou cambio en Galicia. Hoxe comeza ese camiño", arengou.

O secretario xeral do partido, revalidado neste conclave, saudou un camiño "sen volta atrás".

"Aquí hai tres opcións: unha dereita que soamente goberna para os seus, un nacionalismo que se pecha en si mesmo e un proxecto socialista que sempre puxo a Galicia no centro", engadiu.

Sánchez e Besteiro saúdan á militancia. EFE/Lavandeira Jr Sánchez e Besteiro saúdan á militancia. EFE/Lavandeira Jr
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade