O PSdeG prioriza liderar a esquerda en Galicia como xeito de chegar á Xunta
O partido aproba a súa folla de ruta por unanimidade nun XV Congreso tranquilo
Na primeira xornada non estiveron Emilio Pérez Touriño nin Gonzalo Caballero
Sánchez clausura o conclave este domingo, tras coñecerse a composición da nova executiva
A primeira xornada do XV Congreso do PSdeG deixou unha imaxe de calma no partido, con debates sosegados, tras os que o plenario aprobou por unanimidade o ditame das catro comisións que debateron as emendas ao relatorio marco, que marcará a folla de ruta do partido.
De feito, máis da metade das emendas que presentaron militantes e agrupacións aprobáronse de xeito directo e outra importante porción conseguiu luz verde mediante transaccións entre o equipo redactor e os participantes nas comisións. Só se rexeitaron ao redor dun 15 %.
Loita contra a prostitución
As decisións adoptadas versan sobre distintos ámbitos e, nunha convocatoria cargada de simbolismo ao coincidir coa celebración do Día Internacional da Muller, tiveron especial peso formulacións como a loita contra a "secuela da prostitución".
A militancia tamén coincidiu en apoiar a intervención directa da Administración no mercado da vivenda, a través dun banco público de alugueiro, co fin de garantir prezos accesibles; ou a valoración da dedicación exclusiva do persoal sanitario nas xefaturas de servizo e postos directivos.
Postura "contundente" sobre Altri
Os socialistas tamén acordaron levar a cabo unha aposta decidida por unha planificación e impulso das enerxías limpas e unha postura máis contundente respecto a proxectos industriais como Altri.
O texto aprobado recolle de xeito literal que Galicia "xa dedicou importantes recursos naturais con custos ambientais á produción de celulosa de orixe forestal" e, polo tanto, non pode ter consideración de estratéxico ningún outro proxecto que implique esta mesma liña.

"Recuperar a confianza"
Coa folla de ruta clara, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, confirmou que está disposto a traballar para "recuperar a confianza da cidadanía" e para iso pediu "unidade e lealdade" ás bases socialistas.
Malia que volveu á dirección do partido hai menos dun ano, Besteiro anunciou cambios na formación para camiñar de forma decidida cara á presidencia da Xunta porque "o cambio empeza hoxe".
“Hoxe reafirmamos o noso compromiso social para fortalecernos e representar con firmeza o PSOE, que será capaz do cambio en Galicia".
Ese cambio busca, asegurou, deixar atrás a "resignación" que representan tanto o expresidente Alberto Núñez Feijóo como o actual xefe do executivo, Alfonso Rueda, que quere unha Galicia "pequena en transparencia, pluralismo e dereito á información".

Segundo dixo, o PSdeG transmitirá a partir de agora "máis socialismo e máis esquerda" cunha política que atende os problemas da xente e ofrece propostas para solucionalos en eidos como a vivenda, a sanidade ou a educación.
Comprometeuse coas persoas que traballan no mar e na terra, nun "país anfibio", como di o escritor e xornalista Manuel Rivas, malia que para Feijóo e Rueda, esta dualidade só signifique "pasar do barco á praia privada en Moaña", asegurou.

Bolaños pide un rearmamento ideolóxico
O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e secretario de Xustiza do PSOE, Félix Bolaños, alentou o PSdeG a un rearmamento ideolóxico.
Durante a súa intervención na inauguración do congreso, insistiu na importancia de que sexa o socialismo galego o que lidere a esquerda na comunidade como único xeito de desaloxar o PP da Xunta.
Segundo o dirixente, os feitos evidencian que só un PSOE forte pode conseguilo, xa que "calquera outra opción non deixa de ser un camiño á melancolía".
Aínda que Gómez Besteiro levou o partido aos seus peores resultados nuns comicios autonómicos, o ministro ratificou a confianza do PSOE no seu líder en Galicia.
Describiuno como "un home, íntegro, exemplar e competente, pero sobre todo, resistente", despois de que en 2016 tivera que abandonar o liderado do partido por unha serie de imputacións que acabaron por se arquivar.

Vítima "das loiadas e o acoso"
Bolaños dixo que, precisamente, Besteiro foi unha vítima "das loiadas e o acoso" que agora sofren os membros do Goberno de España, "atacados polos ultras", por mor do que o PSOE representa no campo das liberdades, a xustiza social e a igualdade.
Por esta razón, chamou o PSOE galego a "ser ambiciosos" e rearmarse para saír máis fortalecido deste congreso porque é imprescindible que en todos os territorios se libre "esa batalla ideolóxica" que defenda os ideais socialistas e progresistas.
Na súa opinión, deste tipo de congresos saen "ideas que se transforman en realidades e que melloran a vida da xente", esgrimiu ao comezo dunha xornada na que o PSOE debate o relatorio político que marcará a súa folla de ruta nos próximos anos.

Ausencias notorias
Con todo, na xornada tamén houbo ausencias notorias como as do exlíder do PSdeG Gonzalo Caballero ou o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, que recentemente sumou a súa firma a unha carta de desacordo coa expulsión de catro dos seis edís do grupo socialista en Santiago.
A mesma misiva leva as rúbricas do senador do PSOE Xosé Sánchez Bugallo e do alcalde de Ames, Blas García, que en cambio si participaron no conclave deste sábado.
Nesta primeira xornada, Besteiro quedou ratificado como líder do partido nunha nova etapa na que está previsto que renove parte da executiva, que se coñecerá o domingo. Pedro Sánchez estará na clausura.
Minuto de silencio
O momento máis emotivo da xornada viviuse durante o minuto de silencio que os asistentes gardaron en memoria da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, falecida hai unha semana tras sufrir un infarto. Gardáronlle unha cadeira baleira.
