Bruxelas dá tres semanas máis a España para aprobar o imposto ao diésel
O Goberno comunitario concedeu unha prórroga ata o 11 de abril para cumprir cos obxectivos que forman parte do quinto pago do plan de recuperación
Se non cumpre, podería perder parte dos 24.000 millóns de euros de fondos europeos
A Comisión Europea concedeu a España unha prórroga de tres semanas para cumprir con todos os fitos e obxectivos que forman parte do quinto pago do plan de recuperación, en especial o aumento do imposto ao diésel, que enfronta aos socios do Goberno.
Bruxelas tiña ata o 21 de marzo para avaliar os 84 compromisos que forman parte deste desembolso, que ascende a 23.900 millóns entre axudas e préstamos, pero a institución aceptou unha petición de prórroga que as autoridades españolas solicitaron o pasado 3 de marzo.
"Confirmamos que España solicitou unha prórroga que foi concedida ata o 11 de abril", sinalan, para despois engadir que a petición se fixo o pasado 3 de marzo e que o imposto ao diésel está a ser analizado xunto con outros fitos e obxectivos que pertencen á quinta solicitude de pago.
Este desembolso depende dun total de 84 fitos e obxectivos, dos cales 55 deles foron adiantados porque estaban previstos en futuros desembolsos e ascendería a 8.000 millóns en subvencións e 15.900 millóns en créditos.
Pero un dos compromisos que condiciona parte das axudas directas é a reforma para elevar o imposto ao diésel, unha medida que só apoiará Podemos se se saca adiante tamén un gravame permanente sobre as compañías enerxéticas, que decaeu no Congreso polo rexeitamento de Junts e PNV.
Preguntada por esta cuestión, a vicepresidenta española e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, apuntou que o Goberno traballa en dous escenarios: un, coa Comisión con "negociacións constantes" e "diálogo permanente", e outro nacional coas forzas parlamentarias para sacar un imposto que cualificou como "importante" porque supón "igualar prezos" e "apostar máis pola electricidade que polos combustibles fósiles".