O auxe dos 'outlets', un modelo de venda con produtos de marca a prezos reducidos
Os centros comerciais apostan por este modelo de venda en que se ofrecen produtos de marca a prezos reducidos
"A min paréceme estupendo a idea de ter roupa de boa calidade, de marcas de calidade a un prezo máis económico", comenta unha clienta
O modelo outlet está vivindo un dos seus mellores momentos. Funciona como centro comercial aberto e Allariz é o mellor exemplo que temos en Galicia, pero tamén como revulsivo para reflotar espazos comerciais que non pasaban polo seu mellor momento. Área Central, en Santiago, é un deles. A día de hoxe a ocupación é do 95 %.
"Nós levamos dous anos que estamos todo o tempo para arriba. Son todo boas novas, cada apertura de local que ocorre en Área Central supón un aumento de visitantes", apunta Sara Castedo, xerente de Área Central.
A crecente demanda nótase tamén no The Style Outlets da Coruña, que pechou o 2024 cun 98 % de ocupación
"A verdade é que o 2024 deixou uns resultados excelentes en toda España. Superamos os dous díxitos tanto en afluencias como en vendas en todos os nosos centros en España e neste en que nos atopamos no Coruña The Style Outlet chegamos aos dous díxitos de crecemento tamén co cal o estado de saúde dos nosos centro é excelente e os resultados do 2024 así o referendan", explica Óscar Mota, director de xestión The Style Outlets España
Os outlets ofrecen unha experiencia de compra diferente e funcionan como auténticas locomotoras nos centros comerciais.
"Todos nos axudamos e é un reclamo e cada vez están entrando máis marcas moi coñecidas e con este modelo outlet que ao final é o que tira deste centro comercial, o modelo de descontos e de prezos moi atractivos", comenta Laura Iglesias, encargada de Lolita Multimarca en Santiago
A fórmula outlet naceu no téxtil. Agora podemos atopala en case todos os sectores comerciais.