Buscar emprego a partir dos 45 anos
A Cámara de Comercio da Coruña celebra IV Feira de Emprego Sénior
Dirixida a persoas de 45 anos en adiante que buscan unha nova oportunidade laboral
"Está un pouco esquecida a xente a partir de certa idade", relata Andrés Grela, que leva tres anos buscando emprego.
"A busca de emprego é que te vexan, moverte, facer unha rede, e entón este é un sitio ideal", explica Sara Costa, técnica de selección e inserción laboral de Clece.
"É un puntazo que fixesen esta feira", apunta Teresa Blázquez, que leva máis dun ano buscando un traballo.
A Cámara de Comercio da Coruña organizou unha nova edición da Feira de Emprego Sénior.
"Hai un colectivo de maiores de 45 anos que teñen unhas dificultades especiais de empregabilidade, non por falta de cualificación, non por falla de interese, senón porque ás veces a oferta e a demanda é difícil casalas", conta Manuel Galdo, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña.
E ata aquí hoxe achegáronse máis de 600 persoas que necesitan un traballo e que se puxeron en contacto cos responsables de recursos humanos. Participaron máis de 60 empresas que buscan talento e que ofertan ao redor de 300 postos de traballo.
"Nós o que queremos é que sexa un primeiro contacto para que ao longo das vindeiras semanas poidan culminar cunha contratación efectiva por parte da empresa", continúa Manuel Galdo.
As empresas buscan formación, cualificación, pero sobre todo actitude e compromiso.
"É a clave, non?, é a clave, é dicir, ao final os coñecementos técnicos témolos todos igual, as habilidades témolas todos igual e o que nos vai diferenciar é a actitude coa que afrontamos as cousas", relata Aquilino Lousa, psicólogo e docente, experto en intelixencia emocional.
Os candidatos, pola súa banda, ofrecen sobre todo experiencia.
"Experiencia laboral e as ganas de traballar", relata Alexander Padrón, venezolano en busca de emprego.
Ao tempo ca as entrevistas, realizáronse talleres de motivación. Alí, déronlles aos asistentes as ferramentas necesarias para aprender a identificar as ofertas que mellor encaixan co seu perfil, para mellorar o currículo e para afrontar as entrevistas laborais con éxito.