Abre este sábado o período para solicitar praza nas escolas infantís da Xunta
Desta forma, as solicitudes para a renovación de praza e as de novo ingreso poderán presentarse por vía telemática ou de forma presencial
Ademais, as familias poderán pedir praza en varias escolas infantís e deberán indicar na documentación a orde de preferencia

A Xunta abre este sábado, e ata o 4 de abril, o prazo para a solicitude dunha vacante nunha das escolas infantís de 0 a 3 anos que sexa titularidade autonómica.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres as resolucións para informar do procedemento de reserva de praza e os criterios para dar prioridade ás solicitudes.
Desta forma, as solicitudes para a renovación de praza e as de novo ingreso poderán presentarse por vía telemática ou de forma presencial. Ademais, as familias poderán pedir praza en varias escolas infantís e deberán indicar na documentación a orde de preferencia.
As listas provisionais, segundo recolle na súa web a Consellería de Política Social, sairán o 6 de maio e as definitivas o 30 do mesmo mes. Ademais, do 7 ao 13 de maio estará aberto un período de reclamacións.