Ferrol vive con orgullo o éxito do seu equipo do Baxi
Logo de eliminar o Lión, o Baxi xogará a final do campionato europeo contra outro equipo francés
Moitos afeccionados consideran que xa son campioas por ter chegado a finalistas
As xogadoras do Baxi Ferrol recibían as primeiras aclamacións en solo galego a mediodía, acabadas de aterrar no aeroporto de Santiago, pero a verdadeira festa é a que as agarda cando cheguen á súa cidade, onde a súa clasificación para a final da Eurocup espertou o orgullo dos seus conveciños.
Malia que no partido de volta foron derrotadas polo equipo de Lión, a gran vantaxe de 31 puntos que lle sacaran no primeiro encontro na Malata deulles a vitoria. Iso fai que, pase o que pase na final, para moitos xa sexan campioas.
Moitos agardan que o logro do Baxi esperte ademais a afección polo baloncesto masculino, que no seu momento tivo un gran referente na cidade co OAR, que chegou a disputar tamén competicións europeas.