O hospital de Ourense estrea a primeira UCI de Galicia preparada para pandemias
Ten 30 cabinas, dez máis que antes e seis delas de illamento, e comezará a funcionar o próximo martes
Cinco anos da declaración do estado de alarma pola pandemia do coronavirus
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este venres a nova UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), no que o Goberno autonómico investiu 10,2 millóns de euros, que é a primeira de Galica preparada para pandemias. Ten 30 cabinas, dez máis que antes e seis delas de illamento, e comezará a funcionar o próximo martes.
Cada cabina conta con equipos médicos coa última tecnoloxía, camas de altas prestacións, guindastres para axudar os sanitarios e dispositivos para monitorizar os doentes. Os boxes están, ademais, deseñados para mitigar a síndrome pos-UCI.
"As cabinas son amplas para acoller as familias e favorecer o fluxo de traballo dos profesonais; e están dotadas case todas de luz natural. A luz artificial pode regularse e están insonorizadas para permitir o descanso dos pacientes", explicou María José de la Torre, xefa de Medicina Intensiva do CHUO.
A área de UCI ten ademais unha sala de descanso para familiares, con sofás, duchas ou microondas. O presidente Alfonso Rueda destaca a aposta da Xunta por unha medicina cada vez máis personalizada e humanizada que permita tamén que os sanitarios exerzan o seu labor nas mellores condicións.
"Esta é a medicina do futuro. Cada vez máis humanizada, cada vez máis personalizada, cada vez máis tecnolóxica, pero sempre co factor humano que é fundamental", afirmou Rueda.