A Xunta incoporará os datos dos vehículos conectados á estratexia de dixitalización da rede viaria
A práctica totalidade da rede viaria galega xa ten o que se denomina un xemelgo dixital que inclúe toda a información xurídica das nosas estradas
Con este proceso de dixitalización perséguese a mellora na planificación e danse pasos cara ao vehículo autónomo.
Sesenta e nove mil hectáreas da rede viaria galega, case seis mil quilómetros de estrada, están dixitalizados: unha nube de puntos, xeolocalizados, debuxan cada detalle. Explicárono esta mañá en conferencia de prensa os responsables da Consellería de Infraestruturas, que informaron tamén do xemelgo dixital xurídico, onde se detallan a delimitación dos terreos que son de dominio público, as zonas de beiravía e ata a vexetación. Son datos que permiten planificar obras ou saber, por exemplo, que zonas de estrada poden contribuír á propagación de incendios.
Agora, queren incorporar os datos que recollen os vehículos conectados.
"Todos os vehículos vendidos nos últimos anos permiten saber en tempo real moitos parámetros que permiten que teñamos moitos datos sobre a estrada que afectan ao vehículo: que salte o ABS, que salte o ESP, o regulador de suspensión", explicou Francisco Menéndez Iglesias, o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas
Datos que ata agora reciben os fabricantes dos vehículos. O que vai facer a consellería, nun proceso de adxudicación pública, é usar os datos dun deses fabricantes para decidir que obras son máis urxentes.
"É un sistema que nos permitirá auscultar de xeito directo as nosas estradas e obter datos de alta precisión, como adherencia do pavimento, de visiblidade das marcas viarias, de visibilidade, que nos permitirán a mellorar a seguridade", declarou María Martínez Allegue, a Conselleira de Infraestruturas
E tamén saber que estradas están máis dererioradas, cales se están a deteriorar máis rápido. Estradas que así, din, serán máis seguras, sostibles e verdes. É un proxecto, coofinanciado pola Unión Europea, que prevé investir en Galicia 20 millóns de euros antes de 2030. O obxectivo é ter un visor aberto á consulta dos cidadáns e permitir nun futuro a circulación do vehículo autónomo.