Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carmeliña, Maruxiña e Carapucho para facer un aceite 100 % galego

Carmeliña, Maruxiña e Carapucho para facer un aceite 100 % galego

As tres variedades de oliveira autóctona recuperadas polo CSIC xa se poden vender e plantar

Os investigadores están a multiplicalas para que cheguen aos viveiros a finais deste ano

 

 

G24.gal 14/03/2025 14:24

Nun futuro non tan afastado, poderán mercar aceite de Carmeliña, de Maruxiña ou de Carapucho. O CSIC acaba de rexistrar estas tres variedades do país, que estiveron a piques de desaparecer e agora rexorden como unha oportunidade para o rural.
 

"A partir deste momento poderíase vender planta e facer aceite con elas. Demostramos que son variedades autóctonas únicas no mundo, e só queda cultivalas, sempre que nós sexamos capaces de abastecer de planta ao mercado canto antes", explica Carmen Martínez, a directora do grupo de viño, oliveiras e rosas da Misión Biolóxica de Galicia.

Ese é o reto, multiplicar a grande escala estas plantas procedentes de oliveiras centenarias para poñelas a disposición dos agricultores. Están a reproducilas polo sistema tradicional da estaca e tamén in vitro, para logo comparalas en campo.

"Estamos poñendo os dous métodos de multiplicación a punto. A seguinte fase é levar a campo as plantas in vitro e as de estaca e comparar cal vai mellor, canto tardan en dar froito, etc", engade a investigadora.

Está previsto que a finais deste ano ou principios do que vén as primeiras plantas cheguen aos viveiros. A demanda é moi alta, mesmo hai lista de agarda, porque o cultivo da oliveira rexorde con forza para a elaboración de aceites gourmet ligados ao territorio.

"A nós interésanos que estas variedades fagan de motor do sector e xeren valor engadido nas plantacións que xa existen en Galicia", comenta Alfonso Rodríguez, presidente da Asociación de Produtores de Aceite de Galicia.

Estas son as tres primeiras variedades do país no rexistro comercial europeo, pero teñen outras oito en proceso. Un paso de xigante na recuperación dun cultivo que esperta cada vez máis interese no noso agro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade