Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interveñen en Poio e Ribadumia máis de 1.500 litros de aceite de oliva portugués

Interveñen en Poio e Ribadumia máis de 1.500 litros de aceite de oliva portugués

Presentaba irregularidades na etiquetaxe, ao carecer de rexistro sanitario e de certificado de trazabilidade

G24.gal 22/03/2024 16:33 Última actualización 22/03/2024 16:56

A patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Pontevedra interviñeron en Ribadumia e Poio 1.573 litros de aceite de oliva procedente de Portugal, e que presentaba irregularidades na etiquetaxe, ao carecer de rexistro sanitario ou de certificado de rastrexabilidade.

Segundo informaron fontes da Comandancia, a investigación iniciouse tras terse coñecemento no posto de Cambados da existencia dunha empresa de Ribadumia dedicada á distribución de alimentos, e que podería estar a cometer fraude na comercialización de aceite de oliva.

O pasado 12 de marzo, axentes da Garda Civil realizaron unha inspección no almacén da empresa e interviñeron 1.200 litros de aceite. O responsable explicou que a mercadoría procede doutra empresa de Portugal, que o envasa coas etiquetas que lle facilitaron, aínda que afirma descoñecer a localización concreta da firma lusa.

Os funcionarios observaron varias irregulares na etiquetaxe, como que non consta denominación de orixe ou país de procedencia, non consta campaña de recolección, non ten un número de rexistro sanitario, ou non constan datos de contacto da empresa responsable do envasado.

En definitiva, sinalaron fontes da Comandancia, a etiquetaxe inducía a erro, "facendo supoñer aos consumidores que se trata de aceite de oliva portugués, cando non se acredita".

Dous días despois, a patrulla inspeccionou outro almacén en Poio, onde se interviñeron outros 300 litros deste aceite polas mesmas irregularidades, e máis tarde incautáronse doutras 73 botellas en comercios retallistas.

Por estes feitos efectuáronse varias denuncias por infraccións da normativa de calidade alimentaria, debido a esas irregularidades na etiquetaxe, e remitíronse as dilixencias ás Consellerías de Sanidade e Medio Rural, así como a Consumo para a análise do aceite para decidir se procede a súa destrución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade