Galicia aplaude a fazaña do Baxi Ferrol: "Isto é un soño"
"Era moi difícil chegar ata aquí, pero agora queremos máis", asegurou a capitá, Gala Mestres, á Televisión de Galicia na súa chegada a Santiago
Chegadas de Francia a Galicia, no Baxi Ferrol comezan a decatarse da dimensión do que están logrando. Todo Ferrol celebra con orgullo a fazaña do seu equipo de baloncesto feminino. Xa participar na Eurocup era un fito histórico. Estar na final, algo co que ninguén contaba e que conseguiron por méritos propios despois de facer unha competición sensacional. Aínda queda o mellor, pelexar diante do Villeurvane por facerse co título.
En Ferrol todo son parabéns e a palabra máis empregada é a de "orgullo". "É un fito histórico, vivímolo con entusiasmo, Ferrol é moi de baloncesto" ou "aínda que non gañen é un triunfo" son palabras que se escoitan por cada unha das rúas da Cidade Departamental.
Dentro do equipo falan de que o logrado "é un soño", en palabras do adestrador Lino López. A capitá, Gala Mestres, recoñece que chegar á final é unha fazaña, pero unha vez alí "hai que pelexar por lograr o título". O día 26 de marzo, coa Televisión de Galicia en directo, seguirá o periplo europeo do Baxi Ferrol na rolda final para acadar o título de campioas da Eurocup Women.