A eclipse parcial de Sol xera moita expectación en Galicia, onde se viu con nitidez
Particulares e organizacións astronómicas organizaron eventos para contemplar o fenómeno
Esta eclipse é a primeira dunha serie histórica visible desde España
Había un século que non pasaba algo así, e non se repetirá ata 2101. As eclipses suceden cando a Lúa se aliña entre a Terra e o Sol, pero é distinto segundo o punto de vista da observación.
Pode ser total, cando a Lúa cobre todo o disco solar, anular, cando a Lúa non chega a cubrir todo o disco do Sol pero os seus centros están ben aliñados (por iso vemos un anel brillante rodeando o disco lunar), ou parcial, cando a Lúa só tapa unha parte do Sol.
A eclipse deste sábado foi parcial. Cunha duración próxima ás catro horas (213 minutos), puido contemplarse dende os Estados Unidos, o Canadá, parte do Ártico, Groenlandia, o norte de Rusia, gran parte de Europa e o noroeste de África.
O máximo da eclipse foi ás 11:47 (hora peninsular) preto do Canadá, e tivo unha magnitude máxima de 0,933, é dicir, que o 93 % do diámetro solar quedou oculto pola Lúa, segundo o Observatorio Astronómico Nacional (OAN).
En España, a eclipse alcanzou unha magnitude máxima superior a 0,4 en Galicia (o 40 % do diámetro solar oculto), superior a 0,3 nas illas Canarias e o oeste peninsular (máis do 30 % do diámetro solar) e superior a 0,2 no leste da península e as Baleares (máis do 20 %).

Casa das Ciencias da Coruña
Pasadas as dez da mañá, decenas de persoas congregábanse no exterior da Casa das Ciencias da Coruña para observar o fenómeno.
Varios membros da agrupación astronómica local, cos seus telescopios e filtros solares, captaron a imaxe para que se puidese seguir por YouTube.
O persoal dos museos científicos da cidade tamén ofrecía métodos caseiros, pero non menos eficaces.
"O que propoñemos son estas caixas de proxección, é unha cámara escura, custa 0 €, é moi doada de facer e obtemos unha imaxe do sol máis grande que a que veriamos cunhas lentes de eclipse, porque o tamaño aparente do sol e da lúa no ceo é moi pequeno, tapámolos cunha moeda de 1 céntimo. Cun trebello destes podemos ampliar bastante esa imaxe e vemos mellor como funciona a eclipse, con máis seguridade", asegura Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos da Coruña.
As escasas nubes que había no ceo non estragaron a experiencia de contemplar como a Lúa tapaba ata un terzo do disco solar.
"Estiven aquí en 2015, daquela vez fora moito máis e o sol estaba facendo un sorriso".
"Pasamos polo parque, chamounos a atención e quedamos a presenciar a eclipse".
"Nunha eclipse pequena coma esta non baixan moito os niveis de luz. Se non o contamos, moita xente non se decata. O ano que vén, que temos unha eclipse total, dá igual que haxa nubes, vaise facer de noite cando non toca, un par de minutos será de noite", explica Maldonado.
Así que a de hoxe é unha preparación para a eclipse total que se vai poder ver en Galicia en agosto do ano que vén.

As vindeiras eclipses
Este ano haberá unha eclipse total de Lúa que será visible en gran parte do mundo, o 7 de setembro, e unha parcial de Sol, o 21 de setembro, que só será visible no Pacífico e na Antártida.
As que se verán desde España serán as dúas eclipses solares totais que terán lugar o 12 de agosto de 2026 (a primeira visible en España desde 1905) e o 2 de agosto de 2027 (verase como total no extremo sur de Andalucía, en Ceuta e Melilla).
A estas dúas eclipses totais seguiralle unha anular o 26 de xaneiro de 2028, unha tríade que non volverá repetirse ata 2101.
