Publicador de contidos

Publicador de contidos

Doce concellos reclámanlle a Audasa 700.000 euros do IBI pendente da AP-9

Doce concellos reclámanlle a Audasa 700.000 euros do IBI pendente da AP-9

A concesionaria da autoestrada pagaba antes só o 5 % do imposto

Para os municipios máis pequenos estes ingresos son fundamentais

G24.gal 10/04/2025 15:10

Hai un ano que Audasa empezou a pagar as súas propias peaxes. En 2023, anulouse a bonificación da que gozaba a autoestrada, grazas a unha lei do Franquismo, pola que lles aboaba aos concellos só o cinco por cento do imposto de bens inmobles. O ano pasado, a concesionaria xa pagou as cantidades actualizadas pero non o fixo coas correspondentes aos últimos meses dese 2023. Na provincia de Pontevedra, son uns setecentos mil euros que os municipios reclaman a través da Deputación. 

"Xa está ben de falar do que pagamos os usuarios por utilizar a AP-9", apunta o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. "É o momento de reclamarlles beneficios que redunden en todos os veciños que se ven atravesados por esta vía de alta capacidade".

Agora, cada vehículo que percorre a AP-9 significa moito máis para os concellos. Vilaboa, un dos que ten máis quilómetros de autoestrada, é un bo exemplo: alí pasaron de cobrar 21.000 euros a ter dereito a 435.000

"É certo que isto nos axuda, por unha banda, a non ter que aumentar as taxas nalgún sentido e, ao mesmo tempo, poder destinar estes fondos aos servizos que temos que asumir", explica o alcalde de Vilaboa, César Poza.

"Para un concello coma nós", di Xosé Manuel Férnandez, o alcalde de Barro, "que temos tres millóns e pouco de orzamento, significa moito contar con eses cartos para gasto corrente, porque sempre andamos moi xustos. Eu creo que é de xustiza".

Os concellos da provincia da Coruña tamén reclaman o IBI pendente da man da súa Deputación. As grandes cidades fixeron as súas propias solicitudes. Así, Vigo pasou de cobrar dezaoito mil euros a recibir agora trescentos oitenta mil, e Santiago, que é o concello que máis ingresa de Audasa en toda Galicia, de trinta mil a setencentos mil euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade