Entra en vigor o novo arancel chinés do 125 % a todos os bens dos EUA
Xustifica a medida como resposta directa á taxa do 145 % aprobada por Washington para as súas exportacións
Trump advertiu que "as represalias prexudicarán máis a China" e amosouse "optimista" ante un posible acordo
Sánchez avoga por estreitar lazos entre a Unión Europea e a China

A suba de aranceis do 84 % ao 125 % sobre todos os produtos importados desde os Estados Unidos á China entrou este sábado en vigor, nun novo episodio da crecente guerra comercial entre as dúas maiores economías do mundo.
Foi anunciada este venres polo Comité de Aranceis Aduaneiros do Consello de Estado, que xustificou a medida como resposta directa ás últimas taxas aprobadas por Washington, que elevan ao 145 % o total de taxas aplicadas ás exportacións da potencia asiática.
O Ministerio chinés de Comercio acusou os EUA de aplicar unha política de "unilateralismo coercitivo" e cualificou a ofensiva arancelaria como un "xogo de números sen sentido económico".
Segundo o seu comunicado, os produtos estadounidenses "xa non teñen mercado real na China" e calquera novo gravame será "irrelevante" e acabará convertido "nunha burla na historia da economía mundial".
O portavoz de Exteriores chinés Lin Jian afirmou este venres que a China "non desexa unha guerra comercial, pero non a teme", e advertiulle a Washington que abandone as presións se realmente desexa resolver as tensións "pola vía do diálogo".
Ao seu xuízo, as contramedidas de Pequín "protexen os seus intereses lexítimos" e "a orde internacional baseada en normas".
Nova demanda ante a OMC
A China planea presentar unha nova demanda ante a Organización Mundial do Comercio (OMC), malia recoñecer que o seu alcance será limitado polo bloqueo estadounidense ao órgano de apelación.

Trump amósase "optimista"
O presidente dos EUA, Donald Trump, advertiu que "as represalias prexudicarán máis á China" e amosouse "optimista" ante un posible acordo, segundo o seu portavoz Karoline Leavitt.
"Cando os Estados Unidos reciben un golpe, contraataca con máis forza", recalcou.
Solución negociada
A Unión Europea, pola súa banda, advertiu este venres que adoptará represalias se non se alcanza unha solución negociada á guerra comercial que, segundo Bruxelas, prexudicará máis á economía estadounidense que á europea.
Nese mesmo contexto, o presidente chinés, Xi Jinping, manifestoulle ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que "a China sempre dependeu de si mesma" e que non teme "represalias irracionais", nas súas primeiras declaracións públicas desde o inicio da escalada arancelaria.
Os novos gravames chegan tras unha rápida sucesión de represalias. O pasado 10 de abril, a China xa elevara as súas taxas do 34 % ao 84 % en resposta a unha taxa adicional do 50 % imposta polos EUA.
A Casa Branca replicou elevando a cifra total ata o 125 %, o que deixa o arancel final sobre os produtos chineses nun 145 %.
Axenda diplomática
En paralelo ao pulso arancelario cos Estados Unidos, Pequín intensificou a súa axenda diplomática en Asia: o presidente Xi Jinping iniciará a vindeira semana unha xira por Vietnam, Malaisia e Cambodia.
O Goberno chinés considera unha prioridade reforzar a cooperación económica no seu continente para amortecer o impacto rexional da disputa comercial.