A execución dos fondos europeos en España avanza a un ritmo inferior ao doutros países da UE
España só executou o 30 % dos fondos Next Generation que lle asignou a Comisión Europea
Os fondos que non se executen nin se xustifiquen antes da data límite terán que devolverse
Estamos a finais de abril de 2025 e España só executou o 30 % dos fondos Next Generation que lle asignou a Comisión Europea. Datos recentes da Intervención Xeral da Administración do Estado e informes da AIReF, din que imos por detrás doutras economías como Italia que está preto do 60 por cento de execución ou Francia que está case no 80 por cento. O ministro de Industria non comparte as críticas e entende que parte do crecemento actual do país se debe precisamente, a que a xestión está sendo das máis eficaces.
O PERTE para a descarbonización, un dos instrumentos estrela para reducir emisións e modernizar a industria pesada, acaba de resolver parte das axudas. Pero mesmo as empresas que conseguiron os cartos alertan dos prazos imposibles para executar os proxectos antes de 2026, cando caduca o tempo que deu Europa. En xogo hai unha bolsa de máis de 80.000 millóns de euros entre subvencións e créditos brandos que poderían esvaecerse.
Desde o principio Galicia reclamou que o Goberno central a deixase participar na xestión deste maná europeo. A mesma petición chegou de gobernos de todos os signos políticos, pero Moncloa optou por decidir en exclusiva a asignación dos fondos aos proxectos que se presentaron.
Bruxelas xa fixo soar as alarmas: os fondos europeos que non se mobilicen e xustifiquen en prazo terán que ser devoltos. Non é un simple aviso, senón unha advertencia seria. A primeira avaliación do plan de recuperación español xa revelou atrasos e deficiencias, e a seguinte será aínda máis esixente.