Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP, con catro edís, gobernará en Cambre ao non lograr o PSOE o apoio necesario

O PP, con catro edís, gobernará en Cambre ao non lograr o PSOE o apoio necesario

A nova alcaldesa apostou por buscar diálogo e consenso ante unha situación "excepcional" que, segundo dixo, require "acordos"

Os populares dirixirán o Concello con só catro dos 21 concelleiros da corporación

Unión por Cambre renuncia por segunda vez á alcaldía ao considerar que os outros grupos bloquean a súa xestión

Diana Piñeiro, nova alcaldesa, do Concello de Cambre
G24.gal 21/04/2025 12:18 Última actualización 21/04/2025 15:03

Cambio de goberno no concello de Cambre. O Partido Popular faise coa alcaldía como segunda forza máis votada na vila tras consumarse a ruptura entre os grupos de esquerda. Ata agora gobernaba en minoría Unión por Cambre, o partido con máis votos nas eleccións municipais de 2023, pero por dúas veces no que vai de mandato os seus alcaldes renunciaron ao cargo. Os independentes consideran que a oposición estaba bloqueando a xestión municipal e desistiron de presentar un terceiro aspirante.

"Chegou vostede á alcaldía impulsada polo Partido Socialista e o BNG de Cambre, que non dubidaron en poñerse do seu lado e facer unha fronte común dende a oposición para frear e desgastar o anterior goberno, o de Unión por Cambre", dicíalle á súa sucesora a alcaldesa saínte, María Pan.

No pleno celebrado este luns, o foco estaba en saber se Unión por Cambre apoiaría os seus antigos socios do PSOE para sumar unha maioría de esquerdas, pero abstivéronse. Como marca a lei, o bastón é para a segunda listaxe máis votada, a do PP, que conseguira 2.340 sufraxios. A esquerda, que unida sumaría maioría absoluta, pasa, dividida, á oposición. 

"Hai quen dicía que hoxe ía cristalizar aquí unha alianza entre o Partido Popular, o Partido Socialista e o BNG", retrucaba na súa intervención o portavoz nacionalista, Daniel Carballada. "Nada máis lonxe da realidade, o BNG é unha forza de esquerdas que vai estar na oposición"

"Moito ánimo", desexáballe á nova alcaldesa o candidato do PSOE, Diego Alcantarilla, "estaremos dende o grupo municipal socialista traballando na oposición".

O PP gobernará en patente minoría. Os populares teñen só catro de vinte e un concelleiros da corporación municipal de Cambre.

Diana Piñeiro é xa a nova alcaldesa. A candidata popular recoñece que terá que negociar moito cos outros grupos para sacar adiante os asuntos do Concello.

"Estamos ante unha situación excepcional que require de acordos excepcionais. Non se trata de cores políticas, senón de compromiso con Cambre", apuntou no seu discurso de investidura a nova rexedora.

Piñeiro é, por tanto, a terceira alcaldesa de Cambre no actual mandato. O primeiro, Óscar García, o candidato orixinal de Unión por Cambre, dimitira xa en marzo de 2024.

A alcadesa pide "consenso"

A nova alcaldesa apostou por buscar diálogo e consenso. "Cambre necesita diálogo aberto e iso só se consegue coa colaboración de todos os grupos", argumentou.

En declaracións aos medios, Piñeiro engadiu que "isto non é un apoio ao PP, é unha transición ata as eleccións" para insistir en que "falará" con todas as formacións políticas. Ademais, dixo que asumen o goberno "por responsabilidade" cos veciños e veciñas do municipio.

"Trataremos de buscar todo o entendemento necesario e todo o apoio para sacar a Cambre desta situación", sinalou ante os asuntos paralizados e pendentes e sen querer entrar a valorar os desacordos entre Unión por Cambre e os grupos da oposición ou a falta de acordo entre as forzas de esquerda.

Neste contexto, mostrou a súa vontade de apelar á colaboración cos demais grupos. "Se queren entrar na xunta de goberno ou asumir dedicacións, a min o que me importa son os veciños", recalcou.

Postura da oposición

Antes no pleno, con abstención tamén da concelleira non adscrita e ex edil do PP Elena Lauda, e tras tomar posesión do cargo a nova rexedora, María Pan, de Unión por Cambre e última alcaldesa ata a súa dimisión, trasladoulle que a postura desta formación será "construtiva". "Por encima de todo están os intereses dos veciños", destacou.

Á súa vez, Diego Alcantarilla, do PSOE, pediu "diálogo e transparencia". "Espero que o PP o dea", apostilou ante o que cualificou como "un reto".

Dani Carballada, portavoz municipal do BNG, lamentou "a falta de entendemento entre a esquerda" e comprometeu o traballo da formación para sacar a Cambre "dunha situación terrible".

Desde Alternativa dúas Veciños, instouse a deixar "as rifas de lado" para "remar no mesmo barco".

Alcaldías do PP

Co sucedido en Cambre, o PPdeG conta xa con 30 alcaldesas, o partido con máis rexedoras na comunidade autónoma. Ademais, pasa na provincia da Coruña a ter un total de 39 alcaldías.

No caso de Lugo, son 35 mentres que en Pontevedra elévanse a 27. Á súa vez, en Ourense son 56, contando O Carballiño e Ramirás, precisan desde a formación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade