"Estiven co Papa Francisco en audiencia sete ou oito veces", conta un párroco ourensán
Yerai Fariñas, párroco de Santa Eufemia do Centro, regaloulle unha camiseta do Dépor ao sumo pontífice
Yerai Fariñas, párroco de Santa Eufemia do Centro, en Ourense, estivo co Papa non hai moito, en novembro. Coñecido deportivista, entre outros agasallos levoulle ao sumo pontífice unha camiseta asinada polos xogadores branquiazuis.
"Aí botou unha risa que facía tempo que non lle vía! Empezou a ver a camiseta, observala... ía serigrafiada co seu nome", conta.
Non era a primeira vez que se reunía con Francisco. "En audiencia, sete ou oito. Velo de preto, máis", sinala o párroco.
Mesmo o obsequiou cun rosario e unha aperta para a súa avoa de Maceda. Aquí estoulle dicindo: "a miña avoa mándalle saúdos porque o quere moito e reza todos os días por vostede. Díxome que lle dera unha aperta". E contestoume: "a que esperas entón para darme unha aperta?", explica mentres amosa unha foto do Papa dándolle unha aperta.
Destaca do Papa Francisco o seu carácter aberto, accesible e dialogante.
"Unha persoa accesible, que atendía a todos sen excepción e deunos un exemplo do que debe ser a igrexa, un lugar de escoita, de unidade, unha familia... un lugar onde sentirse a gusto", conclúe.