Galicia estivo moi presente durante o papado de Francisco
En 2021, tras un encontro co daquela presidente da Xunta, Núñez Feijóo, o Papa Francisco díxolle que pensaría a posibilidade de visitar Santiago
En varias ocasións animou a facer a Ruta Xacobea
Nos doce anos de pontificado, o papa Francisco non chegou a visitar Galicia, pero si tivo numerosos encontros con personalidades do noso país. E tampouco faltaron referencias ao Camiño.
En setembro de 2022, o papa Francisco recibía os familiares do Villa de Pitanxo. Sete meses despois do naufraxio, pedíanlle axuda para que se aclarara todo o sucedido.
Anos antes, en xullo do 2013, o accidente do tren en Angrois sorprendía o papa de viaxe ao Brasil. Dende alí dicía estar triste e sentirse moi próximo a todos os que estaban sufrindo neses momentos.
Daquela lembraba que entre as vítimas había varios peregrinos. O Camiño de Santiago estivo moi presente durante o papado de Francisco. Animou a vivilo como unha experiencia transformadora, en que o silencio, o Evanxeo e a caridade foran o núcleo do seu percorrido espiritual.
O papa Francisco priorizou as viaxes a países máis pequenos. Iso e os seus problemas de saúde fixeron complicado atopar na súa axenda un oco para visitar Galicia. En 2021, tras recibir no Vaticano o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista na Cadena Cope, o Papa Francisco sinalaba que lle prometera a Núñez Feijóo pensar o asunto (visitar Santiago).
No Vaticano tamén recibiu en dúas ocasións a Yolanda Díaz. En decembro do ano pasado, Francisco recibiu 22 seminaristas galegos aos que lles dixo, que ao regreso, lle pediran por el a Santiago Apóstolo. Estiveron tamén os arcebispos de Santiago e os bispos de Mondoñedo e Vigo.
Antes, en novembro do 21, Patricia Ferrol, filla do fotógrafo Manuel Ferrol, entregoulle ao papa Francisco a imaxe O pai e o fillo, símbolo da emigración masiva dos galegos nos anos 50, á Arxentina, o país de Francisco.