Jorge Mario Bergoglio: o Papa número 266 e o primeiro latinoamericano da historia
De 88 anos e fillo de emigrantes italianos, diplomouse como técnico químico e foi profesor de Literatura e Psicoloxía antes de optar polo sacerdocio e ingresar nos xesuítas
Como arcebispo de Bos Aires participou no conclave en que foi elixido o seu predecesor, Bieito XVI, co que, nunha situación sen precedentes, conviviu durante unha década
13 de marzo de 2013. Un descoñecido Jorge Mario Bergoglio foi elixido o Papa número 266 da Igrexa católica. Con 76 anos e procedente da Arxentina, marcou o seu primeiro fito converténdose no primeiro papa latinoamericano da historia.
Francisco naceu en Bos Aires en 1936. Fillo de emigrantes italianos, diplomouse como técnico químico e foi profesor de Literatura e Psicoloxía antes de optar polo sacerdocio e ingresar nos xesuítas. Como arcebispo de Bos Aires participou no conclave en que foi elixido o seu predecesor, Bieito XVI, co que, nunha situación sen precedentes, conviviu durante unha década.
As súas primeiras horas como Papa ensinaron ao mundo a personalidade do novo pontífice. Desbotou moitos dos ornamentos pontificios, renunciou a vivir do Palacio Apostólico do Vaticano e trasladouse á Residencia Santa Marta, un hotel eclesiástico con 129 cuartos onde vivía coa austeridade que sempre predicou.
Nun dos seus primeiros discursos Francisco avogou por unha igrexa pobre e para os pobres, idea que repetiu sen descanso ao longo do pontificado con palabras e con xestos, dirixidos moitas veces aos colectivos máis vulnerables e discriminados. A súa primeira viaxe oficial foi á illa de Lampedusa para denunciar a crise migratoria e globalización da indiferenza.
Máis alá desa faceta, Francisco converteuse co paso dos anos nun dos líderes mundiais máis escoitados pola clase política internacional e un dos seus protagonistas. A revista Time elixiuno persoa do ano en 2013 e foi portada en varias publicacións.
Testemuña da gran pandemia do século XXI, unha das imaxes do Papa que quedará para a lembranza será esta... só unha praza de San Pedro completamente baleira dirixindo a bendición 'Urbi et Orbi' a un mundo desconcertado.
Na última etapa a saúde de Francisco foise debilitando, e xa era habitual velo nos actos públicos en cadeira de rodas. Padecía do pulmón e tivo que someteuse a varias intervencións, das que saíu airoso grazas, chanceaba, ás oracións dos fieis.
O papa Francisco faleceu aos 88 anos, tras doce á fronte da Igrexa católica. Foi o segundo papa máis lonxevo da historia.