Publicador de contidos

Publicador de contidos

O papa Francisco apostou por facer da Igrexa católica unha institución máis aberta e máis transparente

O papa Francisco apostou por facer da Igrexa católica unha institución máis aberta e máis transparente

Nos primeiros meses pechou 5.000 contas irregulares do Banco Vaticano e mandou aplicar un marco de investimentos e medidas anticorrupción

Loitou contra os abusos sexuais dentro da Igrexa, promoveu mulleres para cargos relevantes no Vaticano e autorizou que a Igrexa bendiga as parellas do mesmo sexo

O papa Francisco realizou 47 viaxes fóra de Italia e visitou 66 países

Francisco promoveu como nunca antes o diálogo interrelixioso, especialmente co islam e o xudaísmo
G24.gal 21/04/2025 10:00

Durante os seus anos en Roma, o papa Francisco apostou por facer da Igrexa católica unha institución máis aberta e máis transparente. Unha das súas primeiras medidas foi a creación, en 2014, dun Secretariado para a Economía, co obxectivo de supervisar as finanzas do Vaticano e promover a rendición de contas na súa xestión financeira. Nos primeiros meses, pechou 5.000 contas irregulares do Banco Vaticano e mandou aplicar un marco de investimentos e  medidas anticorrupción.

Pero a gran reforma do pontificado de Francisco foi a aprobación da nova Constitución apostólica, que reemprazou a promulgada por Xoán Paulo II en 1988. Supuxo unha reorganización profunda da curia romana, a cuarta en 500 anos, descentralizando como nunca antes o seu poder.

A nova constitución apostólica entrou en vigor en xuño de 2022, despois de oito anos de traballo nos que se foron implementando boa parte das medidas que se recollen nela.

Entre elas, a creación dunha Comisión para a Protección de Menores, unha das medidas impostas polo Papa para loitar contra os abusos sexuais dentro da Igrexa. Acabar coa pedofilia foi, tal e como recoñeceu el mesmo, un dos retos máis dolorosos aos que se enfrontou o papa Francisco, que aproveitou diversas ocasións e escenarios para pedir perdón publicamente ás vítimas.

Outra das principais novidades da Constitución apostólica promovida por Francisco é a apertura da curia romana a persoas laicas e a mulleres. En 2024 Francisco nomeou a primeira relixiosa á fronte dun dos dicasterios máis importantes do Vaticano. Outra muller asumiu o posto de Gobernadora, o principal cargo na administración civil do Estado.

Pasos ben acollidos pero para moitos, insuficientes, por descartarse a posibilidade de ir máis alá e, por exemplo, nomear mulleres diáconos.

O papa Francisco abriu portas tamén na loita contra a homofobia. Neste sentido, autorizou que a Igrexa bendiga as parellas do mesmo sexo, en unións civís, claramente diferenciadas do matrimonio sacramental. E durante o seu pontificado, a Conferencia Episcopal Italiana deu un primeiro paso para que os homes homosexuais poidan acceder ao sacerdocio.

Durante o seu  pontificado, o papa Francisco realizou 47 viaxes fóra de Italia e visitou 66 países. Deulle preferencia ás periferias, a países de Europa do Leste ou de África, antes que aos feudos católicos occidentais. Visitou países con minoría católica, como Tailandia, os Emiratos Árabes, Corea do Sur ou Iraq, onde mantivo un encontro histórico co principal líder relixioso xiíta. Non foi a único. Francisco promoveu como nunca antes o diálogo interrelixioso, especialmente co islam e o xudaísmo, como antídoto, dicía, contra o extremismo.

Catro das viaxes foron para celebrar outras tantas Xornadas Mundiais da Xuventude. O achegamento á mocidade foi outra das prioridades do Papa. Igual que a defensa do medio ambiente. Na súa encíclica Laudato Si, publicada en 2015, o papa manifestou o seu compromiso na loita contra o cambio climático e reclamou unha revolución verde. Que non é máis que coidar, dicía Francisco, a casa común de todos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade