Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre o papa Francisco

Morre o papa Francisco

O Santo Padre faleceu este luns no Vaticano aos 88 anos

directo
G24.gal 21/04/2025 09:56 Última actualización 21/04/2025 10:51

O papa Francisco faleceu este luns ás 7:35 horas na súa residencia da Casa Santa Marta, anunciou nunha videomensaxe o camarlengo, o cardeal Kevin Joseph Farrel. 

"Con profunda dor teño que anunciar que o papa Francisco morreu ás 7:35 horas de hoxe, o bispo de Roma volveu á casa do pai, a súa vida enteira estivo dedicada servizo do Señor e da súa Igrexa e ensinounos o valor do evanxeo con fidelidade, valor e amor universal e en maneira particular a favor dos máis pobres e marxinados", anunciou Farrel.

E continúa: "Con inmensa gratitude polo seu exemplo como discípulo do Señor Xesús recomendamos a alma do papa Francisco ao infinito amor misericordioso de Deus, un e trino".

No vídeo, gravado na capela da Casa Santa Marta tamén aparecen o secretario de Estado, o cardeal Pietro Parolin e o substituto da secretaria de Estado, o venezolano Edgar Peña Parra.

A derradeira Semana Santa

Francisco, que estivera ausente en todos os ritos da Semana Santa ao seguir convalecente tras a súa hospitalización, apareceu este domingo no balcón da loxa central da fachada da basílica de San Pedro para a bendición Urbi et orbi.

Despois percorreu a praza en papamóbil a pesar das súas condicións de saúde no que agora pode considerarse o seu último adeus aos fieis.

Francisco non participara en ningún dos ritos da Semana Santa debido a que segue recuperándose tras pasar 38 días no hospital por unha pneumonía bilateral e ser dado de alta o 23 de marzo.

O papa percorreu a praza de San Pedro en papamóbil durante varios minutos e mesmo detivo o vehículo para bendicir a algúns nenos, aínda que se lle notaba moi ausente e con dificultade nos movementos.

Durante a mañá, recibiu ao vicepresidente de Estados Unidos, JD Vance, na súa residencia de casa Santa Marta para un breve saúdo e intercambiar unha felicitación pola Pascua, informou a oficina de prensa do Vaticano. 

12 anos de pontificado

Francisco, falecido aos 88 anos, foi o papa dos desfavorecidos durante os seus pouco máis de 12 anos de pontificado, nos que tentou cambiar os mecanismos dunha Igrexa demasiado centralizada na Curia romana, atallar os seus abusos e modificar a súa linguaxe para falar de misericordia e dos últimos. 

Foi o primeiro papa non europeo e a primeiro xesuíta que resultou elixido o 13 de marzo de 2013, despois de que durante as reunións previas ao conclave convencese a unha maioría de cardeais cun discurso de cambio e de descentralización da Igrexa.

Aos fieis, este cardeal arxentino considerado dialogante e moderado, presentouse cun sinxelo "boas tardes" e engadiu: "Vese que os cardeais quixeron elixir o bispo de Roma na fin do mundo".

A Francisco tocoulle un pontificado anómalo tras a renuncia de Bieito XVI, con dous papas que conviviron durante case 10 anos no Vaticano, e, aínda que segundo Bergoglio a relación foi moi boa, nalgúns momentos sacou a relucir as dúas ás da Igrexa, a moderada e a máis conservadora e reaccionaria.

O papa dos pobres

O papa que elixiu o nome de Francisco despois de que o cardeal brasileiro Hummes lle dixese "acórdate dos pobres", tras a súa elección na Capela Sixtina, destacou no seu primeiro discurso a idea dunha "Igrexa pobre para os pobres" e desde entón todos os seus esforzos centráronse en reformar a Santa Sé, quitar privilexios aos cardeais e facer máis transparentes as finanzas descontroladas, o que lle creou máis dun inimigo dentro da Igrexa.

O gran problema que tivo que asumir foron os abusos sexuais por parte de sacerdotes. Tivo claro que un dos seus obxectivos era a loita contra a pederastia no seo da Igrexa e escoitar ás vítimas e deu unha serie de regras para que nas dioceses do mundo se puidese acabar con esta secuela. Porén algúns recentes casos deixaron claro que aínda a Igrexa ten moito que facer.

As súas viaxes ás periferias do mundo

Ademais, Francisco introduciu unha nova linguaxe na Igrexa católica que, animada polos seus discursos e as súas viaxes apostólicos, comezou a ocuparse dos máis necesitados, dos últimos, das "periferias existenciais", termo acuñado por Bergoglio e que resume a dirección do seu maxisterio.

Así quedou tamén reflectido nas súas viaxes, que comezaron con Lampedusa, a pequena illa siciliana que significa unha "porta para Europa" para miles de migrantes, ademais das súas 47 visitas internacionais onde tocou países con pequenas minorías católicas.

A Igrexa con Francisco tamén empezou a falar de acollida aos homosexuais e aos divorciados voltos casar, algo que hai algúns anos era impensable.

Durante o seu pontificado aprobouse o documento que aceptaba bendicir ás parellas homosexuais, o que non aceptaron moitos bispos e que será uns dos argumentos clave para o próximo pontífice.

O papa arxentino

O papa dos desfavorecidos nado en Bos Aires en 1936, nunha familia de orixe italiana e comezou a súa carreira na Igrexa con 21 anos tras estudar ciencias químicas. Foi ordenado sacerdote o 13 de decembro de 1969 e, en plena ditadura militar arxentina, entre 1973 e 1979, foi enviado a Alemaña, de onde pasou á igrexa da Compañía de Xesús de Córdoba.

Coñecido pola súa sinxeleza, Bergoglio vivía só, nun apartamento, no segundo piso do edificio da Curia, á beira da Catedral de Bos Aires, no corazón da cidade e como papa deixou os apartamentos pontificios para ir vivir á Casa Santa Marta, unha residencia para os sacerdotes de paso por Roma.

O papa que desafiou aos conservadores

Tamén foi o papa que por primeira vez lidou publicamente coa área máis ultraconservadora de la Igrexa católica, que mostrou sen ningún reparo a súa oposición a calquera decisión do pontífice.

Foron moitos os exemplos desta oposición clara a Francisco, pero o máis evidente foi a carta pública que catro cardeais escribiron ao papa expresándolle os seus "dubia" (dúbidas) sobre algúns dos seus escritos e esixindo unha resposta.

Ou o anónimo memorando que circulou entre os sectores de oposición ao papa -que se descubriu tras a súa morte que fora escrito polo cardeal australiano George Pell- e que cualificaba o pontificado de "catastrófico".

A súa herdanza quedará plasmada nas súas encíclicas e en particular en "Laudato se", na que fixo un chamamento á fraternidade universal e á "amizade social" no medio de conflitos, como a guerra de Ucraína que tivo que vivir ao final da súa vida e na que se esforzou con todos os medios diplomáticos ao seu alcance para mediar, pero non o conseguiu.

Tamén recibiu fortes críticas por denunciar a violencia contra o pobo palestino en Israel como cando dixo que había que interrogarse sobre se se estaba cometendo un xenocidio. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade