Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un encapuchado lanza explosivos caseiros no interior da sede do PSOE en Cantabria

Un encapuchado lanza explosivos caseiros no interior da sede do PSOE en Cantabria

No momento do ataque os socialistas celebraban un acto sobre Memoria Histórica

A explosión foi fóra porque conseguiron sacalos á rúa

G24.gal 25/04/2025 21:21

 Un individuo encapuchado entrou na tarde deste venres na sede do PSOE de Cantabria, en Santander, e lanzou no seu interior explosivos caseiros dentro de botellas de plástico mentres se celebraba un acto sobre Memoria Democrática no que participaba o seu secretario xeral, Pedro Casares.

As botellas estouraron finalmente na entrada principal da sede socialista despois de que unha das participantes no acto, no que había máis de 70 asistentes, as collera e as lanzase fóra da sede. Nas botellas pódese ler "fronte ás mentiras revanchistas. PSOE=Satanás".

Nun comunicado, os socialistas cántabros condenaron o acto violento e sinalaron que os feitos foron denunciados "inmediatamente" á Policía Nacional, que se desprazou ata a sede para recoller as probas e as imaxes das cámaras de seguridade.

O suceso tivo lugar durante o acto titulado Da memoria ao respecto no que participaban xunto ao secretario xeral dos socialistas cántabros, a directora xeral de Atención ás Vítimas do Goberno de España, Zoraida Hijosa, e o profesor e historiador, Antonio Santoveña. 

O obxectivo do acto organizado polo PSOE era reivindicar o cambio de nome de 18 rúas que aínda mantiñan a nomenclatura franquista en Santander, así como que a Fiscalía de Cantabria conseguise a primeira declaración de inxustiza dunha condena a unha vítima do franquismo, á que se someteu "a un xuízo sen garantías e a cadea perpetua". 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou este venres que fronte á violencia e o odio demostrado polo lanzamento de dúas botellas con explosivos caseiros na sede socialista de Santander mentres se celebraba un acto de memoria democrática, o PSOE "seguirá reivindicando o dereito para lembrar a quen loitou pola democracia".

 

 Sánchez mostrou a súa solidariedade cos seus compañeiros do PSOE cántabro que este venres denunciaron ante a Policía Nacional o ataque.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade