Sumar reclama a rescisión doutros contratos en marcha con empresas de armas israelís
Yolanda Díaz defende a anulación da compra de balas para a Garda Civil e prepárase para unha previsible demanda da empresa hebrea
O PP asegura que denunciará a rescisión do contrato ante o Tribunal de Contas
Nas últimas horas, Israel condenou "enerxicamente" a decisión de España de rescindir un contrato de compra de munición a unha empresa hebrea. Cren que o Goberno de Sánchez está "sacrificando a seguridade por motivos políticos" e acúsao de "continuar no lado equivocado da historia, en contra do Estado xudeu". Respondeu o ministro de Exteriores en Internet, criticando as mortes de civís en Gaza e reclamándolle o cesamento dos ataques.
O Executivo español defende a cancelación do contrato de compra de balas a unha empresa israelí. "O que fixo o Goberno de España é completamente legal", insistiu Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno, nunha entrevista en RNE. Pero, ao tempo, conta Díaz con que a empresa reclame e "veremos quen gaña".
Tamén ameaza o PP con denunciar no Tribunal de Contas a rescisión do contrato e solicita información. Alberto Núñez Feijóo quere saber "quen tomou a decisión en contra da Avogacía do Estado e quen o vai pagar?".
No foco de toda a polémica, o ministro que mercou as balas, o do Interior. Sumar non ve necesaria a súa dimisión. Para Yolanda Díaz, "un ministro ou unha ministra cando rectificamos, gañamos".
Para o PP, Fernando Grande-Marlaska foi "humillado". "Vendo esta desautorización, dende logo é unha causa clarísima para presentar o seu cesamento, pero aquí non marcha ninguén", dixo o Núñez Feijóo aos xornalistas.
O líder popular acusa, ademais, o Goberno de hipócrita, polos contratos de armas con Israel que si seguen tramitando. Sumar di que vai paralos. Pablo Bustinduy, ministro de Dereitos Sociais, afirmou que "calquera contrato que poida estar en marcha debe ser rescindido e suspendido".
O PSOE, pola súa parte tenta capear a crise, reafirmando o seu "compromiso co pobo palestino, que está por riba de calquera coxuntura e calquera contrato", en palabra de Óscar Puente, ministro de Transportes.