Trump ameaza a Putin con sancións porque agora pensa que "quizais non quere deter a guerra"
Zelenski cualifica de encontro con potencial "histórico" a xuntanza con Trump, antes do funeral do papa Francisco
Mensaxe esperanzadora de Zelenski falando dun alto o fogo total e incondicional e de paz fiable e duradeira
Trump xa afirmaba onte que Rusia e Ucraina están "moi preto dun acordo" de cesamento do fogo
.png)
O presidente estadounidense, Donald Trump, ameazou este sábado con novas sancións ao mandatario ruso, Vladímir Putin, porque "demasiada xente está a morrer" en Ucraína e a situación faille pensar que quizá o seu homólogo "non quere parar a guerra".
"Putin non tiña ningunha razón para disparar mísiles contra zonas civís, cidades e vilas nos últimos días. Faime pensar que talvez el non quere parar a guerra (...) e ten que ser tratado de maneira diferente, a través da 'banca' ou 'sancións secundarias'. Demasiada xente está a morrer!!!", dixo na súa rede, Truth Social, tras participar no Vaticano no funeral do papa Francisco.
A súa mensaxe foi difundida cando o líder republicano se atopaba xa de camiño a Washington.
Zelenski cualifica de encontro con potencial "histórico" a xuntanza con Trump, antes do funeral do papa Francisco
Os presidentes dos Estados Unidos e Ucraína, Volodímir Zelenski e Donald Trump, reuníronse este sábado en Roma antes do funeral do papa Francisco, ao que ambos os mandatarios asisten, segundo declarou á axencia pública ucraína de noticias o portavoz de Zelenski, Serguí Nikíforov. O encontro entre ambos os líderes prodúcese no medio de intensos contactos de Washington con Kíiv e Moscova para buscar unha saída negociada á guerra en Ucraína.
O presidente de Ucraína na súa conta da rede social X publicou tras a xuntanza:
Boa reunión. Discutimos moito un a un. Esperando resultados en todo o que cubrimos. Protexendo a vida do noso pobo. Un alto o fogo total e incondicional. Paz fiable e duradeira que evitará que estale outra guerra. Encontro moi simbólico que ten potencial para converterse en histórico, se conseguimos resultados conxuntos. Grazas @POTUS, é dicir, grazas Trump, esa é a súa conta oficial.

O presidente dos Estados Unidos tamén fixo unha publicación na súa conta oficial de X. Trump estivo máis comedido e reposteou a publicación realizada en X pola Casa Branca. Os dous mandatarios publicaron a mesma foto.
President Trump sat down to meet privately with Ukrainian President Volodymyr Zelenskyy in St. Peter’s Basilica in Vatican City this morning. pic.twitter.com/QChPiZRKzM
— The White House (@WhiteHouse) April 26, 2025
A publicación da Casa Branca foi máis parca dando información sobre a reunión. O que dixo exactamente foi:
O presidente Trump reuniuse en privado co presidente ucraíno, Volodymyr Zelenskyy, na basílica de San Pedro na Cidade do Vaticano esta mañá.
Esta xuntanza dáse despois de que o presidente dos Estados Unidos falara á súa chegada da posibilidade dun alto o fogo no conflito entre Rusia e Ucraína. Trump afirmou que Rusia e Ucraína atópanse "moi preto" de alcanzar un acordo de cesamento das hostilidades.
Foi "un bo día de conversacións e reunións con Rusia e Ucraína. Están moi preto dun acordo e agora ambas as partes deberían ter unha reunión a un alto nivel para alcanzalo", publicou Trump na súa rede Truth Social pouco despois de aterrar en Roma para o funeral do papa Francisco, referíndose á xuntanza de onte entre os negociadores dos Estados Unidos co Kremlin.
De confirmarse, supoñería un xiro significativo nun conflito que se prolonga por máis de tres anos e que causou unha devastación grande en Ucraína.
A suposta proximidade do acordo non ten unha data precisa, pero a declaración de Trump suxire que as negociacións poderían estar nunha fase crucial.
Posteriormente o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump; o de Francia, Emmanuel Macron, e o de Ucraína, Volódimir Zelenski, sentaron na primeira liña no funeral do papa Francisco na praza de San Pedro.
A asignación dos asentos non é casual, senón que segue un estrito protocolo que se establece por orde alfabética dos países en francés. Con todo, a colocación dos bancos na praza vaticana fixo que Zelenski tamén estivese na primeira fila a pesar de que Ucraína ('Ukraine') está lonxe de Estados Unidos ('Etats-Unis') no alfabeto.
Rusia afirma repeler ataques con drons
A afirmación de Trump sobre un posible cesamento do fogo chega nun momento de intensificación dos ataques con drons ucraínos en territorio ruso. Rusia informa de que derrubou un total de 50 drons ucraínos sobre catro das súas rexións — Belgorod, Briansk, Kursk e Smolensk —, así como sobre a península de Crimea, anexionada por Moscova en 2014.
Segundo o parte castrense, 27 dos drons interceptados foron destruídos sobre a rexión de Kursk, fronteiriza con Ucraína, onde as tropas rusas tentan expulsar as forzas ucraínas que ocupan parte do seu territorio desde agosto de ano pasado.
Outros 16 aparellos non tripulados foron derrubados onte á noite na rexión veciña de Bélgorod, onde tamén combaten, segundo Kíiv, forzas de terra ucraínas.
Ademais, o mando militar ruso indicou que foron abatidos outros dous aparellos: un, na rexión de Rostov, e outro, na de Lípetsk.
Defensa engadiu que esta mañá, no lapso de media hora, as defensas antiaéreas destruíron cinco drons sobre Crimea, anexionada por Moscova en 2014.
Os dous días anteriores Ucraína lanzara decenas de drons contra a península. A véspera, tras manter consultas no Kremlin co emisario de Estados Unidos, Steve Witkoff, o presidente ruso, Vladímir Putin, mostrouse disposto a negociar directamente a paz con Ucraína, algo que non ocorría desde marzo de 2022.
"Tratouse, entre outras cousas, sobre a posible continuación das negociacións directas entre representantes de Rusia e Ucraína", comentou Yuri Ushakov, asesor de presidente ruso en materia de política internacional.
A reunión entre Putin e Witkoff, a cuarta en tres meses, tivo lugar despois de que o presidente dos EUA, Donald Trump, asegurara que se acaba o tempo para lograr un arranxo con mediación da Casa Branca.
Hoxe en día as posturas parecen irreconciliables, xa que Rusia prefire negociar mentres continúan os combates, mentres que o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, esixe o cesamento de accións militares antes iniciar as negociacións.
O comisario europeo de Defensa di que pedir a Ucraína que ceda territorio a Putín é unha "tráxica repetición" histórica
O comisario europeo de Defensa, Andrius Kubilius, dixo este sábado que esixir que Ucraína ceda parte do seu territorio a Rusia sería repetir un erro histórico, que se retrotrae ao comezo da Segunda Guerra Mundial.
“Esixir que Ucraína entregue parte do seu territorio ao agresor (o presidente ruso, Vladímir) Putin – que chama aos rusos a prepararse para novas guerras – é unha simple e tráxica repetición do erro fatal que cometeu no seu día Chamberlain”, manifestou Kubilius en redes sociais.
Neville Chamberlain foi o primeiro ministro do Reino Unido ao comezo da Segunda Guerra Mundial ata a súa dimisión, oito meses máis tarde, e é coñecido por asinar o Acordo de Múnic en 1938 no que se lle outorgou á Alemaña nazi a anexión dun territorio de Checoslovaquia co obxectivo de evitar unha nova guerra.
“Ese foi o comezo do camiño cara á Segunda Guerra Mundial”, dixo Kubilius, engadindo que, a diferenza deste, "(o británico Winston) Churchill, (o estadounidense Franklin D.) Roosevelt e (o seu compatriota Donald) Reagan loitaron pola liberdade e contra os «imperios do mal»".
Os seus comentarios chegan tras unha nova reunión o venres pasado en Moscova entre o presidente ruso, Vladímir Putin, e o emisario dos EUA, Steve Witkoff, na que continuaron as conversacións sobre a fin da guerra ruso-ucraína.
Ese mesmo día, o presidente estadounidense, Donald Trump, defendeu a postura de Moscova sobre a pertenza á Federación Rusa da anexionada península de Crimea, algo que Ucraína considera inadmisible.