Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cristóbal Medeiros: "Sería mellor reterlle máis ás rendas altas e non gravar o SMI"

Cristóbal Medeiros: "Sería mellor reterlle máis ás rendas altas e non gravar o SMI"

O novo secretario xeral da UXT cre que non se debería reter o IRPF ao salario mínimo ata que acade o 60 % do salario medio

O líder sindical considera que reducir a xornada laboral aumentará a produtividade e creará postos de traballo

Medeiros na clausura do 14º Congreso da UXT Galicia en febreiro. Europa Press/Álvaro Ballesteros
G24.gal 16/03/2025 09:30 Última actualización 16/03/2025 17:22

O novo líder da UXT-Galicia, Cristóbal Medeiros, toma a remuda de José Antonio Gómez tras vinte anos de mandato.  

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Medeiros, de 37 anos e bombeiro forestal de profesión, afirma que quere adaptar o sindicato aos novos tempos para facelo "máis próximo os traballadores, máis innovador e máis eficiente". Tamén se propón eliminar burocracia.

Cristóbal Medeiros defínese como unha persoa con "talento colaborativo e dialogante" e confía en poder chegar a acordos coa patronal.

Salario mínimo interprofesional

O novo líder da UXT en Galicia afirmou na Radio Galega que non se debería reter o IRPF ao salario mínimo porque a última suba "tampouco é tan grande". 

"Sería mellor reter máis ás rendas máis altas para recuperar ese déficit de IRPF e non cargalo no salario mínimo".

Cristóbal Medeiros explicou que non se lle debería aplicar o imposto da renda ao SMI ata que acade o 60 % do salario medio.

Xornada laboral

O novo responsable da UXT en Galicia amósase "moi partidario" da redución da xornada laboral. Ao seu entender, será positivo para a conciliación e tamén para as empresas porque "van ser máis produtivas".

Porén, explicou que implementar cambios sempre é difícil, sobre todo, "cando se leva tantos anos cunha forma de ver o mundo laboral".

"Custa moito implementar novas ideas, cambiar as cousas. Tamén pasou coa reforma laboral, coas pensións. Estou convencidísimo de que vai ser bo para os traballadores e para a patronal"

Cristóbal Medeiros augurou que as empresas non só serán máis produtivas senón que tamén crearán máis postos de traballo. Con todo, sinalou, debe aplicarse con control.

"Fálase da redución da xornada pero non se fala da cantidade de horas extra encubertas ou mesmo sen ser encubertas. Iso hai que regulalo".

Con respecto ao emprego, o secretario xeral da UXT pediu "políticas máis ambiciosas" e apostou por formar os parados de longa duración para repescalos noutros sectores.

"A xente no paro malvive. Os desempregados agradecerían formarse noutras actividades ou noutros sectores e saír desa situación". 

Medeiros amouse convencido de que a redución da precariedade atraería traballadores en sectores nos que falta man de obra.

O novo responsable da UXT en Galicia tamén aposta por adaptar a industria aos novos tempos con máis investimento en I+D+I e con dixitalización. En caso contrario, advertiu, Galicia quedará atrás.

"Galicia  é moi rica en materias primas e en enerxías verdes. Poderiamos ser a punta de lanza do país agora que estamos nunha especie de revolución industrial. Se non nos poñemos na crista da onda quedaremos  atrás".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade