Publicador de contidos

Publicador de contidos

Belén Martínez, número 2 da diplomacia da UE: "A ameaza de Rusia témola moi preto"

Belén Martínez, número 2 da diplomacia da UE: "A ameaza de Rusia témola moi preto"

A ourensá afirma que Europa ten que investir en defensa para ter máis autonomía estratéxica e militar

Asegura que a UE ten que actuar unida e dar unha resposta firme á política arancelaria de Donald Trump

G24.gal 22/03/2025 10:00 Última actualización 22/03/2025 11:35

A secretaria xeral do Servizo Europeo de Acción Exterior, Belén Martínez Carbonell, asegura que a Unión Europea está vivindo o momento máis decisivo da súa historia porque enfronta moitas e variadas ameazas. A principal, Rusia.

A número dous da diplomacia comunitaria salientou -nunha entrevista na Radio Galega- a importancia de que todos os países membros aumenten o investimento en defensa.

"Non podemos permitir que Rusia tome o control de Ucraína porque, a partir de aí, habería un efecto dominó en toda a veciñanza (...). Ademais, hai outro elemento moi importante, que é o contexto xeopolítico e aí vemos que a China está cada vez máis rearmada, ten cada vez máis capacidade militar e nuclear (...). Europa ten que tomar as rendas do seu futuro e ter máis autonomía estratéxica e militar. Non podemos estar nunha posición de debilidade, se queremos ser os donos das nosas decisións, necesitamos investir en defensa".

A ourensá Belén Martínez Carbonell advertiu que a ameaza de Rusia tamén é unha realidade para os países do sur, máis afastados fisicamente, pero tamén vulnerables. Nese senso, dá un exemplo: os movementos de Moscova nos países do Sahel -no norte de África- están detrás da chegada masiva de migrantes ás illas Canarias.

"A ameaza de Rusia témola moi cerca. A presenza rusa en todo o Sahel -no norte de África- xera movementos de poboación que, por exemplo, en España causa crises migratorias desde o Senegal ás Illas Canarias. Polo tanto, hai moitas formas indirectas polas que a ameaza rusa tamén concirne aos países do sur (...). É unha ameaza moito máis seria do que a xente pode ver a primeira vista".

Ante a guerra comercial aberta polo presidente Donald Trump, a número dous da diplomacia comunitaria recomenda unha resposta conxunta, firme e pragmática.

"Nós temos que estar unidos na Unión Europea e responder de forma firme, sen grandes espaventos. Europea suspendeu uns aranceis que puxemos no seu día coa primeira administración Trump, volvémolos levantar e agora estamos considerando un segundo paquete de medidas para responder ás medidas que eles están poñendo. Moita tranquilidade e responder de forma pragmática.

A secretaria xeral do Servizo Europeo de Acción Exterior dixo na Radio Galega que Europa ten que xogar ben as súas cartas e sacar rédito da política arancelaria imposta pola administración estadounidense.

"É unha oportunidade fantástica de presentar a Europa como un actor crible e estable e iso dá bos resultados nos mercados. Hai moitos países que se están achegando a Europa e queren reforzar as súas relacións con Europea, por exemplo, o acordo co MERCOSUR, con México (...). Hai moito apetito do modelo europeo no mundo. Seguimos sendo o socio do que todo o mundo se pode fiar e ó que todo o mundo mira en momentos de inseguridade". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade