Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso, co voto de PP e PSOE, rexeita opoñerse ao aumento do gasto militar, con Sumar en contra

O Congreso, co voto de PP e PSOE, rexeita opoñerse ao aumento do gasto militar, con Sumar en contra

O Congreso tomba a Axencia Estatal de Saúde Pública, cos votos en contra de PP, Vox e Junts

Sánchez rexeita o termo "rearmamento" para falar de "mellorar a nosa seguridade": "Non me gusta en absoluto"

G24.gal 20/03/2025 08:35 Última actualización 20/03/2025 13:23

O Congreso rexeitou este xoves opoñerse ao aumento do gasto militar e ao plan de rearmamento da Unión Europea co voto de PP e PSOE, nunha votación que serviu para demostrar as discrepancias no seo do Goberno de coalición en materia de defensa e seguridade, xa que Sumar votou en contra diso e apoiou que España abandone a OTAN.

A iniciativa do BNG incluía puntos para rexeitar as ameazas do presidente dos Estados Unidos Donald Trump a Groenlandia e Panamá e o seu plan para a Franxa de Gaza, que si concitaron o acordo das dúas partes do Executivo.

Por outra banda, o Congreso rexeitou unha iniciativa do PP que pedía ao Goberno, entre outras medidas, someter a votación no Congreso as decisións relativas ao gasto militar e á guerra de Ucraína, cos votos en contra de PSOE e Sumar e a abstención de Vox e Junts.

O Congreso tomba a Axencia Estatal de Saúde Pública, cos votos en contra de PP, Vox e Junts

O Pleno do Congreso dos Deputados rexeitou este xoves o proxecto de lei para crear a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), cos votos en contra de PP, Vox e Junts. Así, o Congreso tombou a creación da Axencia con 176 votos en contra, 167 a favor e 2 abstencións.

 

O Congreso aproba definitivamente a lei contra o desperdicio alimentario

O Congreso dos Deputados concluíu este xoves a tramitación nas Cortes da nova Lei de Prevención das Perdas e do Desperdicio Alimentario, que xa pode publicarse e entrar en vigor.

Os deputados terminaron a tramitación parlamentaria da lei cunha votación que tamén saca adiante a modificación da representatividade agraria, en contra do Senado, e outra emenda para reclamar que o lobo deixe de ser especie protexida ao norte do Douro, esta última aprobada na Cámara Alta e impulsada polo PP.

Con este voto, termina a tramitación nas Cortes Xerais e, unha vez publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), pode entrar en vigor a lei, que o Goberno presentou por primeira vez a pasada lexislatura e cuxo avance se viu truncado polas eleccións xerais de 2023.

Rifa entre o PP e o vicepresidente do Congreso

O Pleno do Congreso arrincou este xoves cunha sonora rifa entre a bancada do PP, encabezada polo seu portavoz Miguel Tellado, e o vicepresidente da Cámara Alfonso Rodríguez Gómez de Celis polo debate da lei de desperdicio alimentario. Ao comezo da sesión, Tellado pediu a palabra para esixir que se modificase a orde do día e quedase fóra do mesmo o debate e a votación desta lei, que inclúe a retirada do lobo da listaxe de especies protexidas.

O PP pediu este mércores a retirada da lei e, ante a negativa da Xunta de Portavoces reunida esta mañá de maneira extraordinaria unha hora antes de que empezase o pleno, insistiu na súa petición. Aínda que o vicepresidente da Cámara Baixa explicou que esta cuestión sería abordada antes de que comezase o debate deste punto, Tellado insistiu en que lle dese a palabra e invocou varios artigos do regulamento.

Tras quitarlle a palabra Gómez de Celis, quen dixo que entendera a súa petición, o popular volveu expresar a súa queixa. A bancada do PP contestou á negativa do vicepresidente do Congreso de abrir o micrófono de Tellado con golpes nos escanos e levantándose xunto ao seu portavoz, entre berros de "regulamento, regulamento", "ditadura", "vergoña", "arbitrarios", "mercenarios", "vendidos" e "prevaricación".

Ante isto, Gómez De Celis convidounos a sentar, chamou en dúas ocasións á orde a Tellado e decidiu seguir coa orde do día e dar a palabra ao deputado do BNG Néstor Rego. "Despois deste espectáculo, entenderán vostedes o que levamos aguantando en Galicia", dixo Rego, quen tachou a Tellado de pitbull e acusou o PP de pasar o rodete á oposición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade