Ata quince membros dunha familia filipina, nenos incluídos, fan o Camiño Francés
A iniciativa partiu do avó, que leva dez anos consecutivos vindo do arquipélago asiático para percorrer as diversas rutas xacobeas
Cruzaron medio mundo para facer o Camiño Francés. Ata quince membros dunha familia filipina, os Selma, están a percorrer estes días esta ruta xacobea. Entre eles hai nenos pequenos, de mesmo dous anos, polo que van adaptando os tramos ao seu paso. A iniciativa partiu do avó, que dende 2015 exerce de peregrino todos os anos.
"Fixen o Camiño varias veces, e desta cadrounos ben poder vir tres xeracións da nosa familia para vivir a experiencia, agardando que no futuro poidan facelo de novo eles e as xeracións vindeiras", sinala Jun Selma.
"Jun xa viaxara con nós en cinco ocasións. Coñece perfectamente o Camiño Francés e fixo o Portugués o do Norte. Despois de se crear esa conexión, decidiu traer a familia para amosarlle o especial que lle é na súa vida", engade o guía Germán Cuadrado, de Marly Camino.
Para os integrantes desta peregrinación familiar, que van acompañados de dous guías, a experiencia estalles a servir para desconectar, confraternizar e coñecer o noso país.

"Está tan cheo de paz e as paisaxes son tan fermosas, que te sentes lonxe da tensión da cidade, do traballo ou da escola nesta viaxe tranquila", comenta unha rapaza dos Selma.
"Temos un autobús de apoio para os máis pequenos, por se queren durmir ou descansar. Axuda moito", explica a guía Esther Muro.
No caso do patriarca, que é un home de negocios, a súa paixón polo Camiño mesmo o levou a fundar unha empresa que lle rende homenaxe ao cabo Fisterra, a onde se dirixirán tras chegar a Compostela.