Melilla estrea o primeiro Camiño de Santiago africano, a Vía Rusadir
O presidente da Xunta e o da cidade autónoma estrearon este mércores o fito que marca o paso dos peregrinos cara a Santiago
Melilla estreou este mércores a primeira ruta do Camiño de Santiago no continente africano, a Vía Rusadir. O presidente da Xunta Alfonso Rueda, canda ao seu homólogo melillés Juan José Imbroda, destaparon un fito quilométrico que marca o paso dos peregrinos cara á capital de Galicia.
O punto de partida da Vía Rusadir está na Capela de Santiago, única de estilo gótico en África. Situada no recinto amurallado de Melilla a Vella, esta capela despedirá os peregrinos cando comecen o seu camiño cara a Santiago de Compostela, nun percorrido de 972,09 quilómetros.
Coa súa cuncha peregrina e a frecha amarela indicando cara á esquerda, o fito quilométrico está colocado na Porta de Santiago, unha das máis emblemáticas e fotografadas de Melilla a Vella.
Tras descubriren o fito quilométrico, que estaba tapado coas bandeiras de Galicia e Melilla, Imbroda e Rueda recibiron as dúas primeiras credenciais co selo deste nova ruta, un lacre vermello cos lazos das bandeiras de Melilla e España, que ten forma de cuncha e en cuxo interior se incluíu a silueta do Faro de Melilla a Vella.
Cunha foto de familia finalizou a inauguración da Vía Rusadir, o nome que deron os fenicios a Melilla no século VIII antes de Cristo, que coincidiu co 250 aniversario do Levantamento do Sitio, fin do asedio máis longo e importante que sufriu a cidade na súa historia, en cuxos actos tamén participou o presidente da Xunta.
Antes, Rueda foi recibido oficialmente polo Goberno de Melilla no Salón Dourado, espazo nobre do Palacio da Asemblea, e asinou no Libro de Ouro da cidade.
“Unha honra e unha oportunidade esta visita para unir aínda máis dúas terras separadas por quilómetros, pero con moitas cousas en común. Orgullosas de si mesmas, abertas ao mundo. Melilla e Galicia quedan conectadas polo Camiño de Santiago. Que esta rúa tan galaica vos lembre sempre o agarimo e admiración que vos profesamos desde Galicia”, escribiu Rueda.
Posteriormente, houbo un intercambio de agasallos no que Imbroda entregou a Rueda un escudo de Melilla, unha insignia que lle colocou persoalmente na lapela e unha medalla conmemorativa do 250 aniversario do Levantamento do Sitio.
O presidente de Galicia, pola súa banda, regalou ao seu homólogo melillés un peregrino de porcelana no que hai inscrito o número de peregrinos que chegaron a Santiago de Compostela desde a cidade autónoma.