O Camiño colle forza no inverno, con máis 7.000 peregrinos no que vai de ano
Son un 20 % máis de camiñantes ca en 2024
A maioría son estranxeiros e buscan a tranquilidade da temporada baixa
A 12 quilómetros para chegar a Compostela, os peregrinos xa poden facer balance:
"Empecei o día do meu aniversario e foi o mellor agasallo, repetiría sen dúbida".
"Desconectas da rutina, do traballo, conectas coa natureza e o silencio".
Precisamente, escolleron camiñar no inverno para fuxir das masas do verán e non ter problema de espazo nos albergues. A maioría son estranxeiros, con Corea á cabeza. Alí o Camiño causa furor.
"A xente sempre che axuda, encántame este sitio e encántame a súa xente", din estes camiñantes coreanos que comezaron en Francia.
Aproveitando o Entroido tamén vemos grupos de escolares e familias que camiñan unidas en particulares peregrinacións:
"A nosa é moi particular, celebramos os 600 anos da chegada dos xitanos a España, a nosa etnia, que chegou desde o norte da India. Eu a miña familia quixemos recrear a entrada dos xitanos polos Pireneos facendo o Camiño de Santiago".
E despois de tanto esforzo, nada mellor que repoñer forzas baixo o sol. Contaban con que a comida estivese boa en Galicia, pero non con poder gozar dela nunha terraza no mes de marzo.
"Trouxen o sol de Almería ao norte, sol espléndido".
"Viña desde México coa roupa de auga e non fixo falta para nada, fantástico tempo".
Aínda que seguen sendo minoría, os peregrinos de inverno son cada vez máis, sobre todo no Camiño Francés, onde é máis probable atopar os servizos abertos nunha temporada cada vez menos baixa.