Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan as causas do accidente de helicoptero en que morreu unha familia española en Nova York

Investigan as causas do accidente de helicoptero en que morreu unha familia española en Nova York

As pescudas céntranse na experiencia do piloto e nunha posible avaria mecánica

Os investigadores pídelle aos cidadáns que acheguen todos os videos e fotos que teñan do accidente

Á espera da autorización xudicial para repatriar a España os cadáveres do matrimonio e os seus tres fillos

Embarcacións do Departamento de Policía de Nova York e do Departamento de Bombeiros na escena do accidente de helicóptero/Jeenah Moon/Reuters
G24.gal 11/04/2025 21:20 Última actualización 11/04/2025 22:35

No  organismo que investiga os accidentes aéreos nos Estados Unidos analizan xa os restos do aparello sinistrado en Nova York en que morreu un matrimonio español e os seus tres fillos. Medios locais aseguran que as pescudas se centran na experiencia do piloto, tamén falecido no sinistro, e na súa resposta ante unha posible avaría mecánica.

"Todo está sobre a mesa, non descartamos nada", din os investigadores

Un equipo de 17 persoas traballa para aclarar as causas do accidente.  Seguen recuperando anacos do aparello e aínda buscan por exemplo pezas fundamentais como o rotor principal e o da cola nas augas do río Hudson. Nunha rolda de prensa adiantaron que o piloto tiña as horas de voos esixidas, pero aínda ignoran cantas realizou co modelo sinistrado.

Tamén investigan a situación da empresa que xa sufrira outros incidentes. E fixeron un chamamento á cidadanía para que achegue todas as fotos e vídeos relacionadas co accidente xa que as coñecidas ata agora son moi de lonxe e pouco útiles para sacar conclusións definitivas.

Iso si, parecen confirmar o relatado polas testemuñas que falan de ruídos fortes antes de que o helicóptero se precipitara ao río  en varios anacos.  Vese claramente como as aspas e parte da cola se desprenderan da fuselaxe.

Á espera da autorización xudicial para repatriar os cadáveres a España.

Os directivos de Siemens Agustín Escobar e Merce Camprubi acababan de chegar cos seus tres fillos a Nova York de vacacións. Colleron un dos 30.000 voos  que cada ano lles mostra Manhattan desde o ceo aos turistas.

Levaban 15 minutos de voo cando o aparello se precipitou ao río Hudson. Catro dos ocupantes faleceron no acto e dous no hospital. O Goberno está pendente da autorización xudicial para repatriar de urxencia os cadáveres da familia española.

O irmán da muller falecida no accidente de Nova York publica unha carta de agradecemento en castelán e catalán

Os familiares de Agustín Escobar e Mercè Camprubí emitiron unha carta pública na que expresan o seu agradecemento polo apoio recibido tras a traxedia.

"Non hai palabras para describir o que estamos a vivir, nin para agradecer o agarimo recibido", sinalan no comunicado. A carta, asinada por sete membros da familia Escobar e doce da familia Camprubí, subliña que están a atravesar "momentos moi difíciles", mais lembran que "o optimismo e a alegría sempre caracterizaron a nosa familia".

Por iso, solicitan "o máximo respecto á intimidade, dado o impacto global que tivo esta traxedia e a implicación dos tres menores".

"Queremos gardar o recordo dunha familia feliz e unida, no momento máis doce das súas vidas. Marcharon xuntos, deixando unha pegada inesquecible entre todos os seus familiares, amigos e coñecidos", engaden.

A misiva tamén informa de que varios membros da familia desprazáronse xa a Nova York para xestionar os trámites necesarios para a repatriación dos corpos, e avanzan que nos próximos días darán a coñecer os detalles da cerimonia de despedida.

"Os vosos ánimos mantéñennos fortes, e os Escobar-Camprubí estarán sempre con nós e nos nosos corazóns", conclúe a mensaxe. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade